As traballadoras do servizo de acompañamento do bus escolar da UTE Hércules Norte levan sen cobrar dende decembro

A empresa, do grupo Monbús, fai a liña A Coruña-Betanzos-Ferrol
A Coruña/Ferrol - 01 Feb 2021

A FGAMT-CIG quere denunciar que a UTE Hércules Norte (do grupo Monbús e que fai a liña A Coruña-Betanzos-Ferrol) leva sen abonarlle o salario ás traballadoras do servizo de acompañamento do transporte escolar dende o pasado 23 de decembro, data na que asumiu a prestación deste servizo. A UTE fai o servizo de transporte escolar nos concellos de Monfero, Betanzos, Aranga e Fene.

A central vai pór en coñecemento da Inspección de Traballo e da Dirección Xeral de Mobilidade esta situación inxustificada e cun sesgo discriminatorio, xa que practicamente todo o persoal que realiza estas tarefas, unhas 40 persoas, son mulleres. Hai que subliñar que o resto do traballadores e traballadoras da empresa (condutores, mecánicos, xente de oficina) cobrou con normalidade as súas nóminas, sendo estas traballadoras as únicas ás que non se lle abonaron os salarios.

A empresa escúsase en que a anterior concesionaria non lle facilitou os datos das traballadoras a tempo, algo que para o responsábel de Transportes da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, "podía ser unha escusa o 24 de decembro, pero non o día 1 de febreiro, cando a UTE xa sabe quen conforma o cadro de persoal, que horarios ten etc.".

Neste senso, denuncia que con esta actuación o grupo Monbús afonda na precarización deste colectivo de traballadoras, "que xa de por si teñen unhas condicións precarias, pois están con contratos a tempo parcial e polo con retribucións cativas", polo que lle reclama á empresa que proceda de inmediato a abonarlle os salarios.