As traballadoras e traballadores de Cambre retoman as protestas ante a situación límite do Concello

A representación da CIG advirte que se está ao límite “do colapso administrativo”, cun persoal “esgotado, desgastado e claramente insuficiente”
Cambre - 25 Set 2025

Traballadoras e traballadores do Concello de Cambre retomaron este xoves as mobilizacións en resposta ao empeoramento das problemáticas laborais que se veñen arrastrando dende hai anos. A Xunta de Persoal convocou esta concentración -por decisión unánime da asemblea de traballadoras/es- coincidindo coa celebración do pleno municipal (ao que acudiron brevemente) e  teñen previsto repetir protesta o xoves da vindeira semana, aproveitando que é día de feira.

A representación da CIG advertiu que o Concello está “nunha situación límite ao bordo do colapso administrativo”, “cun persoal esgotado, desgastado e claramente insuficiente”. Explicaron que a organización administrativa que determina os postos de traballo que existen e as funcións que teñen que realizar data do ano 1999. Dende entón, ningún outro Goberno local modificou a RPT, pensada para un municipio duns 18.000 habitantes, pero que agora conta con case 7.000 habitantes máis.

RPT obsoleta e vacantes sen cubrir

A este déficit estrutural únese a redución do persoal que supón a non cobertura das vacantes, “que desafortunadamente son moitas”. Aínda que a carencia de policías locais e de persoal de Protección Civil é a que maior repercusión mediática ten, “a falta de persoal técnico municipal é difícil de asumir” e repítese en todos os departamentos: Secretaría, Intervención, Servizos, Cultura, Deportes, etc.

“En Servizos, por exemplo, non hai ningún persoal técnico desde xuño, en Servizos Socias hai unha traballadora social menos desde xullo, en Cultura falta a técnica que organiza os eventos xa hai máis dun ano, en Deportes o coordinador de instalacións deportivas, o posto de bibliotecaria/o quedará vacante en outubro e en Persoal está vacante o único posto de técnico/a, o que está a provocar retrasos nos pagos das nóminas e que non se nos paguen algúns complementos aos que temos dereito por lei”,  co agravante de que “boa parte do cadro de persoal percibe salarios que en pouco superan o SMI”.

Cos postos de base, a situación é similar a tal punto que “hai instalacións pechadas por falta de persoal para poder atendelas. “En resumo, acabando o ano 2025, no Concello de Cambre hai dispoñíbel aproximadamente o 60-70% do persoal que había no ano 1999, malia que se incrementou a poboación un 40%, o que supón moito máis traballo, e que os procedementos coa administración electrónica variaron completamente”. A situación laboral está tan deteriorada e ao borde do colapso “que até o persoal interino renuncia”.

Deterioro de servizos e instalacións

Como exemplo da precariedade na que está sumida o Concello de Cambre apuntaron ao estado da brigada de obras, que carece de persoal condutor “o que non permite facer moitos dos traballos asignados como a limpeza de beirarrúas ou reparación de fochancas; e nin sequera hai material de sinalización ou mobiliario básico para repoñer”.

Este deterioro xa se fai evidente nas fochancas “enormes” que levan meses sen repararse, no mobiliario que está en moi malas condicións “pero que se soporta até que rompe e se retira”, a falta de xogos en todos os parques infantís, as árbores que morren non se repoñen, a Casa da Cultura, Vila Concepción pechada, etc. “E aínda temos sorte que sigan funcionando certos servizos esenciais nos que as adxudicatarias levan meses sen cobrar, como a limpeza viaria, a limpeza de edificios e instalacións municipais, o mantemento das zonas verdes, o mantemento das instalacións eléctricas e do alumeado público ou o servizo de abastecemento e saneamento”.

Hai problemas tamén coa subministración de enerxía eléctrica e de gas “que teñen pendente máis dun ano e medio sen cobrar”. Ademais, o persoal municipal leva anos sen realizar o control de saúde laboral obrigatorio por lei “e hai persoas que non teñen nin a roupa necesaria para traballar”.

No fondo de todo este problema, incide a representación da CIG, “está a nefasta xestión do persoal municipal desde hai anos. A representación sindical lévamos moitos anos advertindo disto, pero de pouco valeu”. Xa se chegou ao punto de que non se cobren as vacantes, non se sacan adiante as ofertas de emprego público, “non podemos exercer o noso dereito á carreira profesional e non cobramos a totalidade das nosas remuneracións”.

Por todas estas razóns, as traballadoras e traballadores “vémonos na necesidade de volver ás mobilizacións para que se escoiten as nosas reclamacións e se busque a solución aos problemas do Concello”.