O persoal de Axuda a Domicilio de Ourense cumpre unha semana de protestas diarias en defensa do servizo

Reclaman a municipalización despois de que o concurso de adxudicación quedase deserto
Ourense - 26 Nov 2019

As traballadoras/es de Axuda a Domicilio e á Dependencia do Concello de Ourense cumpriron onte unha semana de protestas diarias ás portas do consistorio, na Praza Maior, en defensa do servizo e polo mantemento de todos os empregos. A CIG reclama a municipalización -unha promesa electoral do actual equipo de Goberno- do servizo despois de que o concurso de adxudicación quedase deserto.

O comité de empresa de Sacyr, concesionaria da Axuda a Domicilio, acordou convocar mobilizacións todos os días de 12:00 a 12:30 horas dende o pasado luns 18 e até o vindeiro 30 de novembro, data na que remata a actual concesión.

O motivo, alertar do perigo de desaparición dun servizo que atende a máis de 500 usuarios/as e emprega a unhas 200 traballadoras/es unha vez que o concurso de adxudicación quedou deserto e tamén para reclamar a súa municipalización. 

A municipalización ten que facerse por xustiza, eficacia e porque é a única saída posíbel

Dende a CIG de Ourense aseguran que o persoal de Axuda a Domicilio “está deixando clara a necesidade de municipalizar o servizo: por xustiza, por eficacia, por ser unha promesa electoral de quen actualmente goberna e por ser nestes momentos a única saída posíbel”.

O concurso de adxudicación quedou deserto e a actual concesionaria anunciou a súa marcha inminente o próximo 30 de novembro. “O Concello, renegando do seu compromiso de municipalización, está tentando adxudicar a concesión mediante o sistema de negociación sen publicidade, para o que escoitará a oferta de tres empresas”.

Servizo fácil de asumir

Pero dende a CIG pregúntanse por que vai ser agora a atractiva a oferta se antes non o foi. “Oculta algo o Goberno local? Hai algunha negociación opaca? Porque lembremos que non se pode modificar nin unha coma do prego anterior, xa que daría paso a un novo proceso de adxudicación. Do contrario estaríamos ante unha clarísima ilegalidade das que tanto reprochaba o hoxe alcalde ao anterior Goberno e socio actual, o Partido Popular”.

Diante disto, esíxenlle ao Concello se faga cargo dun servizo tecnicamente fácil de asumir como propio, que atende a máis de 500 usuarios/as, moitos/as deles/as dependentes, e da emprego a unhas 200 persoas, maioritariamente mulleres. “É hora de cumprir promesas e asumir os compromisos anunciados”, rematan.