As traballadoras/es de Confecciones Guerral bótanse á rúa en Lalín para reclamar o pago dos salarios

Dende a FGAMT-CIG lembran que se trata da penúltima grande empresa téxtil da comarca do Deza
Lalín - 15 Xan 2018

O cadro de persoal de Confecciones Guerral, compañía dezana do sector téxtil que se atopa en proceso de liquidación, botouse á rúa este sábado día 13 en Lalín para reclamar o pago de salarios tras sete meses sen cobrar. Dende a FGAMT-CIG de Pontevedra denuncian que a propietaria da empresa posúe un patrimonio duns 15 millóns de euros e mantén débedas por valor de máis de catro millóns coas traballadoras/es, Facenda, Seguridade Social, Xunta, Abanca, Fenosa e distintos provedores.

A protesta, na que participou o secretario comarcal da CIG de Pontevedra, Marcos Conde, desenvolveuse a partir das 10:30 horas no quilómetro cero, ao inicio da rúa peonil, onde as afectadas/os berraron consignas denunciando a súa situación e reclamando o pago dos soldos pendentes. O secretario comarcal da FGAMT-CIG, Xabier Aboi, lembrou que Confecciones Guerral foi unha compañía “moi potente” que chegou a empregar a 90 persoas “pero na actualidade despide a 35 sen cobrar nin poder ir ao paro”.

Neste senso, criticou a “falta de vergoña” da propietaria, Ángeles Guerral, “que non dubidou en aplicar a reforma laboral de Rajoy, que permite despedir sen pagar e sen que as persoas afectadas vaian ao paro”. Ademais, denunciou que mentres a empresaria posúe un patrimonio duns 15 millóns mantén débedas por valor de máis de catro millóns, ademais de co cadro de persoal, con Facenda, Seguridade Social, Xunta, Abanca, Fenosa e distintos provedores.