As transgresións do capital financeiro sobre a natureza

Héctor López Terán - 03 Ago 2023

O interese do gran capital de se apropiar dos recursos estratéxicos, en conivencia cos Estados centrais onde operan as súas matrices corporativas, revélase nun avance imperialista sobre o control dos recursos naturais a través de proxectos de expansión que aseguren os insumos prioritarios para o sostemento da súa posición xerárquica na economía global e o sostemento da reprodución dos seus modos de vida

 No desenvolvemento do capitalismo as finanzas deambulan ao longo da súa historia acompañando en todo momento os procesos de acumulación de capital. Nun intre particular, as altas finanzas engraxaron os pistóns do motor da maquinaria do capitalismo en tempos enferruxados de estancamento. Entre o capital financeiro e produtivo cultivouse un vínculo inquebrantábel que fortalecería os intereses da industria e as finanzas mediante un proceso de concentración e centralización de capital explicitado nas análises de Lenin. A agrupación de capital nos monopolios favorecido polas relacións asimétricas globais da economía-mundo protagonizaría desde finais do século XIX e primeiros do XX a obra de expansión imperialista cara a novas xeografías do capital para se rendibilizar.

 O carácter imperialista devén nunha forza que busca controlar e impor a lóxica de acumulación sobre países periféricos. Encabezados polos Estados centrais avanza a imposición de condicións -políticas, económicas e sociais- favorábeis para a apropiación e expropiación de riqueza. Os Estados e o gran capital axuntan forzas para se expandiren e extraeren recursos para a reprodución de capital en escala ampliada. Neste escenario, a apropiación de natureza barata (Moore, 2020), sexa esta humana ou non humana, segue a ser obxecto de interese. Esta procura insaciábel lograría unha “grande aceleración” en expansión sobre os recursos naturais a partir dos anos setenta do século pasado nun momento crítico de estancamento do capitalismo, mais tamén na desvalorización das condicións de vida dos traballadores.

 A antesala á crise dos anos setenta evidenciou un momento unificado de grandes capitais. As ganancias xerábanse principalmente na economía real, o capital financeiro concedía liquidez para impulsar a produción (Hilferding, 1963). Porén, a crise induciría cambios nos mecanismos de acumulación de capital, nese momento obstaculizados polas propias contradicións do capital. É aí, cando a esfera financeira adquire foco de atención de absorción de capitais como vía de saída e solvencia ao estado crítico da reprodución de capital, neste momento, as finanzas sinalan o seu avance desmedido até dilatarse co pasar dos anos no conxunto da economía global.

 O beco sen saída do capital produtivo atopou na esfera financeira unha saída de escape para rendibilizar. A estratexia do capital modificaría as condicións dinámicas de comportamento da economía mundial. Neste momento a disolución da vella orde financeira de Bretton Woods, o aumento da liquidez internacional ao abandonar o patrón ouro-dólar en 1971 e a desregulación de institucións financeiras e a apertura e liberalización de capitais e comercio abrirían o pano para a emerxencia da “Gran Financeirización” (Polanyi Levitt, 2018). Con iso, as formas de intervención expansiva intensificáronse cara a territorios periféricos co fin de manter o seu predominio imperialista no mundo baixo un taboleiro de novas condicións marcadas polo dominio das finanzas. 

 A financeirización dista de distintas definicións entre diversos enfoques teóricos da economía. Unha delas, desde a tradición marxista, en sintonía co marxismo clásico é definida por Lapavitsas (2016) como “unha transformación sistémica das economías capitalistas avanzadas que se articula arredor dos cambios de conduta subxacentes ás empresas non financeiras, os bancos e os fogares” (p.37). A manifestación dos cambios representa unha época distinta do capitalismo maduro dominado polos monopolios que impacta na economía e na sociedade, á vez que xesta unha relación conflitiva entre as finanzas e a economía real pola incapacidade de absorción do excedente xerado na esfera produtiva destinándoo cara á circulación e a esfera financeira (Lapavitsas, 2016; Lapavitsas & Powell, 2013).

 Así mesmo, no tempo en que o capital trastorna os seus mecanismos de acumulación xéstase unha nova orde tecnolóxica que comeza a demandar novos insumos para a produción. Novos espazos para o capital e a necesidade de novos insumos marcarían unha tendencia cara á expansión de territorios ricos en natureza a través de actividades de apropiación e extracción. Estas novas formas de acción do capital monopolista-financeiro onde “as grandes aglomeracións de riqueza parecen estar cada vez máis relacionadas coas finanzas que coa produción, e as finanzas marcan cada vez máis o ritmo e as normas de xestión do fluxo de caixa das empresas non financeiras” (Bellamy Foster, 2007) revelan o carácter imperial dos países centrais sobre os periféricos -extraendo e expropiando a súa riqueza-. Agora, axuntado ao saqueo de recursos maniféstase en transferencia de valor económico (Marini, 1972) no produtivo e o financeiro, poténciase as transferencias de valor ecolóxico a través da alteración de paisaxes naturais, destrución de riqueza natural e contaminación ecolóxica xerado polas actividades produtivas con destino exportador (Clark & Foster, 2012; Foster & Clark, 2004).

 É a expansión do imperialismo un momento de avance sobre os países periféricos novamente para a extracción dos seus recursos. A expresión dunha actividade de raizame colonial, representada no exercicio intensivo de extracción da natureza, corresponde a unha acción inherente ao capitalismo para se reproducir. As actividades extractivas no marco da financeirización sitúa un problema bicéfalo: por unha banda, atopa na dilación de actividades de explotación da natureza os seus mecanismos de acumulación ao colocarse en escenario de extracción co fin de se rendibilizar, o financiamento de actividades extractivas; e por outra, colócase -na vía financeira- nun escenario especulativo e diversificado de activos financeiros inmersos nas actividades extractivas que necesitan extraer rendibilidade da materialidade produtiva para canalizala ás canles financeiras. En efecto, ambos os actos representan dúas calidades no exercicio instrumental da natureza en función da rendibilidade do capital. Neste escenario, a capital busca rendibilizarse a partir da expansión de actividades produtivas na natureza, tanto na esfera produtiva co incremento da pauta produtiva e exportadora, como na esfera financeira coa xeración de dividendos de activos financeiros no curto prazo.

 Así a expansión de actividades extractivas e o control dos recursos naturais nunha dobre intensión de rendibilizar o capital implican o avance cara a novos territorios de explotación de natureza humana e non humana. Por tanto, é requirido enunciar o papel do capital financeiro como elemento subxacente na expansión da fronteira extractiva e as súas repercusións socioecolóxicas na rexión latinoamericana. É por iso polo que o momento de dominio financeiro representa, como enuncia Harvey, “o cordón umbilical” entre o proceso de acumulación por desposesión e o proceso de acumulación ampliada de capital (Harvey, 2004). Aínda que a inherencia da explotación da natureza nos procesos de acumulación de capital non se transgride porque require da fonte de riqueza natural para se reproducir, os cambios nos mecanismos de acumulación do capitalismo -dinámicos- xeran cambios substanciais nas formas de explotación intensiva da natureza.

 A desposesión de territorios (Harvey, 2004) semellante ao proceso de acumulación orixinaria de capital descrito por Marx, e o dinamismo do capital para acumular constantemente como afirmaba Rosa Luxemburgo, xerou “novos cercamentos” (Midnight Notes Collective, 1990) de recursos naturais para o seu uso como insumo produtivo ou mercadoría. O avance cara á desposesión de territorios coa intensión da apropiación da natureza é encabezado pola gran corporación global con características particulares de funcionamento en escala expansiva ao instalar subsidiarias en territorios de países hóspede como os países latinoamericanos quen manteñen unha ancoraxe substancial cara a actividades produtivas primario exportadoras. Os fíos da economía global móvense ao ritmo do papel hexemónico e predominante da grande empresa na diversidade de actividades produtivas, aínda que tamén existe a presenza de empresas do estado. No núcleo central do proceso global fragmentado en cadeas de valor interconectadas en todo o orbe, incrustado nunha relación asimétrica, subxace a gran corporación como centro de dirección, orientación e imposición hexemónica de estratexias político-económicas encamiñadas á acumulación de capital e apoiadas polos Estados centrais. É a gran corporación a unidade representativa do capital monopolista-financeiro.

 Os cambios no comportamento da economía global e a expansión das finanzas conduciron á concentración de grandes capitais mediante a imbricación do gran capital produtivo co gran capital financeiro, consolidando a gran elite corporativa integrada nunha rede de conexión de actores inmersos nas institucións dos Estados centrais e as grandes corporacións que busca cumprir intereses mutuos. A elite corporativa innumerabelmente enunciada pola súa participación en institucións do Estado hexemónico dos países centrais e posteriormente no directorio das grandes empresas busca situar ou entrelazar os intereses corporativos cos intereses dos Estados centrais.

 Ademais da dinámica da desregulación económica e financeira -enmarcada no neoliberalismo- como factores globais estruturais que posibilitaron e facilitaron o avance polo control dos recursos naturais e da súa extracción, os cambios nos ciclos tecnolóxicos entrelázanse cos períodos de extracción de determinados recursos da natureza. Por iso é polo que a rexión latinoamericana rica en natureza se sitúa historicamente no núcleo de disputa global estratéxica dos países centrais polos recursos naturais. Actualmente, a demanda do mercado mundial, o crecemento das economías de China e a India, o aumento do prezo das materias primas, aceleraron a demanda de recursos estratéxicos que se disputan cos principais centros hexemónicos da economía mundial.

 O interese do gran capital de se apropiar dos recursos estratéxicos, en conivencia cos Estados centrais onde operan as súas matrices corporativas, revélase nun avance imperialista sobre o control dos recursos naturais a través de proxectos de expansión que aseguren os insumos prioritarios para o sostemento da súa posición xerárquica na economía global e o sostemento da reprodución dos seus modos de vida. De aí a necesidade constante de avanzar cara á procura de mercantilización, privatización e financeirización da natureza en beneficio privado sobre as necesidades dos países periféricos. As consecuencias no marco das relacións asimétricas nas que se impón a forza do gran capital e a laxitude de proxectos nacionais orientados aos beneficios da gran corporación maniféstanse na perda da gobernanza dos recursos naturais, en secuelas socioeconómicas que limitan a superación das condicións de subdesenvolvemento (Günther et al., 2020), arraigan e amplían a  transferencia de valor económico e ecolóxico da periferia cara ao centro e profundan a estrutura de dependencia e o dominio xeopolítico dos recursos naturais.

_____________________________________________________________________________

Referencias

Bellamy Foster, J. (2007, abril 1). The Financialization of Capitalism. Monthly Review58(11). https://monthlyreview.org/2007/04/01/the-financialization-of-capitalism/

Clark, B., & Foster, J. B. (2012). Imperialismo ecológico y la fractura metabólica global. Intercambio desigual y el comercio de guano/nitratos. Theomai26.

Foster, J. B., & Clark, B. (2004). Imperialismo Ecológico: La maldición del capitalismo. Socialist register.

Günther, G., Meireles, M., & Villavicencio, G. (2020). Naturaleza financiarizada: Un análisis de la mercantilización del agua en México. En G. Günther & M. Meireles, Voces Latinoamericanas. Mercantilización de la Naturaleza y Resistencia Social. Universidad Autónoma Metropolitana, Unidad Xochimilco.

Harvey, D. (2004). El nuevo imperialismo. Ediciones Akal.

Hilferding, R. (1963). El capital financiero. Tecnos.

Lapavitsas, C. (2016). Beneficios sin producción: Cómo nos explotan las finanzas. Traficantes de sueños.

Lapavitsas, C., & Powell, J. (2013). Financialisation varied: A comparative analysis of advanced economies. Cambridge journal of regions, economy and society6(3), 359-379.

Marini, R. M. (1972). Dialéctica de la dependencia: La economía exportadora. Sociedad y desarrollo1, 35-52.

Midnight Notes Collective. (1990). The new enclosures. Midnight Notes10, 1-9.

Moore, J. (2020). El capitalismo en la trama de la vida. Ecología y acumulación de capital. Traficantes de sueños.

Polanyi Levitt, K. (2018). De la gran transformación a la gran financiarización. Sobre Karl Polanyi y otros ensayos. Fondo de Cultura Económica, UNAM.

_____________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 28 de xuño de 2023