As únicas folgas que fracasan son as que non se convocan

A CIG chama á mobilización para cambiar as políticas antiobreiras e antisociais

Nacional -

Na CIG non nos achicamos. Non podemos quedar de brazos cruzados agardando non se sabe o que e até non se sabe cando. Facemos un chamamento á folga xeral o 19 de xuño co convencemento de que estas políticas non só se poden reverter, senón que debemos cambialas. Mais tendo moi presente que os dereitos non se regalan, non se compran, nin se mercadean no diálogo social.

Á clase traballadora tócanos conquistar cada un dos dereitos coa mobilización e a loita, que é a vía para a defensa das nosas condicións laborais e de vida, para acadar alternativas coas que facer real o dereito a vivir e traballar dignamente na nosa terra, e para que en Galiza teñamos emprego, salarios e pensións dignas. 

Os dereitos sociais e laborais non se regalan, non se compran, nin se mercadean no diálogo social

Pero nestes loita sobran atrancos e faltan aliadas/os. Resulta lamentábel escoitar as críticas que lanzan CCOO e UGT á convocatoria de folga xeral promovida pola CIG, negándose a traballar conxuntamente para dar unha resposta contundente.

Máis á contra, estas organizacións sindicais fan chamamentos entusiastas ao diálogo social para afrontar a arrepiante situación laboral e social, apostando máis pola unión de intereses coa patronal e o Goberno, aínda que isto supoña desmantelar a loita sindical. Rexeitando así o emprazamento que dende a CIG facemos á unidade da clase traballadora a través da folga xeral, para facer fronte á grave situación actual.

Ese modelo sindical de pacto perdeu o creto social e vese incapaz de vehicular nin conxugar as reivindicacións da clase traballadora, que se sente desapegada destas centrais sindicais. Conscientes de que boa parte da súa base social comparte a diagnose que dende a CIG facemos sobre o que está a suceder, UGT e CCOO non poden desentenderse, caer na pasividade e seguir apostando pola infamia do diálogo social que axuda a consolidar o saqueo á clase traballadora.

Por dignidade

Un sindicato digno de tal nome, está na obriga de dar unha resposta, e na CIG optamos por dala, convocando unha folga xeral, sendo atrevidos e atrevidas, preferindo que se nos critique por levala adiante, por actuar, que por ser cómplices e inútiles á clase traballadora coa nosa pasividade e inacción.

Como clase traballadora, como pobo galego, non temos que esperar a que nos dean permiso para nos mobilizar. Hai que desacomplexarse, convocar esta folga en solitario non supón un problema para as galegas/os, ten que ser un problema para esas organizacións sindicais.

Porque máis cedo ou máis tarde, os resultados das folgas sempre teñen efectos positivos: o primeiro deles reafirmar a nosa dignidade e a nosa disposición como clase traballadora a defender os nosos dereitos.

Volver