As xestións da CIG logran que o empresario galego interesado en Thenaisie retome o proxecto

A central aposta por unha fronte común para salvar a conserveira
O Grove/Mos - 15 Out 2020

As intensas xestións que están a levar a cabo dende a FGAMT-CIG do Salnés lograron que o empresario galego interesado na adquisición da conserveira Thenaisie Provote, con centros de traballo no Grove e Mos, se decidise a retomar o proxecto inicial, que fora retirado ante as inasumíbeis esixencias do grupo romanés Scandia Food, actual propietario da empresa. Dende a CIG apostan pola conformación dunha fronte común para intentar salvar a compañía e instan a Xunta a apoiar o proxecto do inversor galego porque permitiría o mantemento da actividade industrial e do emprego.

Alfonso Caneiro, o empresario interesado en adquirir Thenaisie mantivo onte unha xuntanza promovida pola CIG co comité de empresa na que se amosou disposto a volver a presentar a súa proposta para a empresa, sempre e cando se cumpran dúas condicións: que o seu proxecto sexa avalado pola Xunta e que non teña que negociar directamente co grupo romanés, senón que os contactos se produzan coa mediación da Administración autonómica. 

O comité de empresa decidiu por unanimidade apoiar o proxecto

Dende a FGAMT-CIG do Salnés explican que decidiron dirixirse ao empresario despois de varios meses sen que se tivese avanzado cara a unha solución e tras o fracaso das xestións da Xunta para atopar novos inversores. “O seu proxecto permitiría manter tanto a actividade industrial como o volume de emprego, abrindo a posibilidade de novas contratacións no futuro, ademais de supoñer un freo ao actual desmantelamento do tecido industrial galego”, sosteñen. Por iso o comité de empresa decidiu por unanimidade apoiar a proposta.

A CIG tamén logrou que Anfaco, a patronal do sector conserveiro, se posicionase a favor do proxecto e anunciase a súa intención de apoialo. “Agora ten que ser a Xunta a que diga dunha vez se o apoia ou non, porque as súas xestións non deron resultado”. Precisamente con este obxectivo a central solicitará que se celebra unha reunión entre o comité, o Igape, o empresario, o despacho Garrigues -que asesora a Scandia Food- e Anfaco. “Nesa xuntanza haberá que poñer as cartas enriba da mesa e facer unha fronte común para salvar Thenaisie da man do proxecto de Alfonso Caneiro”.