Ascenso de China, devalar dos Estados Unidos

Eduardo Lucita - 09 Dec 2020

En pouco tempo a economía chinesa superará a estadounidense, o que non implica que os EUA deixen de ser a primeira potencia mundial e o seu poderío militar siga superando o de todos os outros países xuntos

 Mentres os Estados Unidos (EUA) resolven a súa desordenada transición o resto do mundo móvese. A República Popular China é o epicentro deses movementos.

 Os resultados electorais nos EUA e as mudanzas na zona Asia-Pacífico están sinalando xogadas no taboleiro internacional que adiantan a reestruturación dun poder mundial en transición. Malia a crise mundial inédita que percorre o globo, o taboleiro internacional rexistra movidas de tipo estratéxico. China acaba de asinar o acordo de libre comercio máis grande da historia. En paralelo o triunfo dos demócratas nos EUA anuncia un regreso do multilateralismo, ao mesmo tempo que se acentúa a relación chineso-rusa. Disputa e cooperación están no centro destes movementos.

Novo goberno.

A nova administración que encabezará Joe Biden nos E         UA deberá recompor as relacións -tanto internas como externas- que a administración Trump comezou a reconfigurar e que quedaron a metade de camiño debilitando o imperio fronte ao mundo. En política exterior non só debe responder ao avance de China e reconstruír as relacións con Europa, tamén debe enfrontar a delicada situación no medio Oriente e en Irán, a política expansionista de Turquía e a maior influencia de Rusia. O trumpismo derrotado, que manterá forte presenza política, non o vai pór doado. Ordenar o regreso de tropas de Afganistán e Iraq case á fin do seu mandato e as sospeitas de que deu vía libre ao atentado ao cerebro do plan nuclear en Irán, son mostras diso. Como se situará o complexo militar-industrial fronte ao novo goberno? Cómpre lembrar que historicamente os demócratas se involucraron en máis accións militares que os republicanos.

O triunfo dos demócratas anuncia a fin do unilateralismo da administración Trump. No acto en que o futuro presidente presentou os funcionarios que van ocupar cargos en Seguridade Nacional e Política Exterior déronse algúns indicios: «EUA está de volta para liderar o mundo. Non podemos resolver os problemas do mundo sós. Necesitamos a cooperación, necesitamos asociacións». Tamén se sinalou que están dispostos a retomar a loita contra o cambio climático reintegrándose ao Acordo de París e mesmo volver ao Tratado Nuclear con Irán. Trátase dun regreso ás políticas da administración Obama? Non necesariamente, pero si que se poderían retomarse algúns posicións de política exterior.

Novo eixe.

 Mentres os EUA resolven a súa desordenada transición o resto do mundo móvese. O eixe esta na área Asia-Pacífico, mentres que a República Popular China é o epicentro deses movementos. Até a asunción de Xi Jinping as relacións económicas de China con Asia, Africa e América Latina eran país a país, pero desde aquela esta concepción foi mudando cara a un enfoque multilateral.

 A mediados do mes pasado os 10 países membros da «Asociación de Nacións do Sueste Asiático» (ASEAN) subscribiron con Xapón, Corea do Sur, Australia, Nova Zelandia e China (impulsora da iniciativa) a «Asociación Económica Rexional Integral» (RCEP), o que constitúe un salto cualitativo que converte este bloque na maior zona de libre comercio do mundo (30 por cento do PIB mundial, 28 por cento do comercio global), que terá un impacto que superará o rexional. Aínda por riba é un acordo aberto pensado nun futuro ingreso da India, tamén de países latinoamericanos.

UE e Rusia.

 Xa antes a Unión Europea asinara acordos con Xapón e Canadá, mentres que avanza para logralo con Gran Bretaña buscando que o Brexit non rompa as interconexións produtivas na rexión. A fins de novembro pasado Rusia convocou a «20ª Cimeira da Organización da Cooperación de Shanghai» (OCS) que inclúe países euroasiáticos e a «XII Cimeira dos BRICS» (Brasil, Rusia, India, China e Sudáfrica), en paralelo Malaisia organizou a «Cimeira do Foro de Cooperación Económica Asia-Pacífico» (APEC). É evidente que a decisión do ex presidente Trump de sacar a EUA da Alianza Transpacífico (TPP) e do Acordo coa UE (TTIP) deixou un baleiro que outras potencias e nacións están aproveitando, nomeadamente China, que busca asumir o liderado da globalización e o libre comercio.

 Así, a dialéctica competencia-cooperación na disputa estratéxica (control das novas tecnoloxías) entre a potencia norteamericana e a ascendente República Popular China é o marco no que se desenvolve a pasaxe do modelo anglosaxón (EUA-Gran Bretaña) ao asiático/pacífico (China e o sueste asiático) que arrastra a Europa. Esta transición acelerará non só o curso do comercio e os investimentos globais senón tamén a reestruturación do poder mundial. Neste período o que salienta é o devalar gradual dos EUA e o ascenso sostido de China.

China medra.

 O virus covid-19 orixinouse en China que logrou controlalo en poucas semanas, igual que Corea do Sur e Taiwán, en cambio non pasou o mesmo nos EUA. As crecentes desigualdades sociais e a deterioración do nivel de vida na sociedade norteamericana contrastan co anunciado pola potencia asiática hai dúas semanas informando acabar coa pobreza extrema. A economía chinesa será a única que medrará este ano, 1,9 por cento (cálculos internos do FMI estiman que mesmo podería superar o 3 por cento), pola contra a economía dos EUA caerá un 4 por cento. En pouco tempo a economía chinesa superará a estadounidense, o que non implica que os EUA deixen de ser a primeira potencia mundial e o seu poderío militar siga superando o de todos os outros países xuntos. Ábrese así unha grande interrogante: que pode pasar cun país imperial que ve diminuír a súa hexemonía e desvalorizarse a súa moeda pero que ao mesmo tempo o seu poderío militar é crecente?

 Os fluxos comerciais e de capital así como a definición de zonas de influencia xogan un rol determinante no taboleiro internacional, xeran confrontacións que historicamente se definiron no terreo militar. Non necesariamente ten que ser así neste século XXI.

 

[Artigo tirado do sitio web Resumen Latinoamericano, do 4 de decembro de 2020]