Asemblea informativa sobre a situación en Ferroatlántica Sabón

- 11 Xun 2019

A sección sindical da CIG en Ferroatlántica Sabón ten convocada unha asemblea aberta para este mércores 13 de xuño, ás 19 horas, no Centro Tecnolóxico de Arteixo, para informar do "plan industrial" de melloras que a empresa pretende negociar co comité, pero condicionando calquera posíbel inversión a que o persoal acepte a escisión da fábrica de Sabón da unidade industrial.

A sección sindical da CIG non vai avalar esta manobra nin negociará ningún acordo mentres a Xunta non se pronuncie sobre a legalidade da operación de venda e mentres a empresa non presente un plan de viabilidade conxunto, como fixo no ano 1992 cando o Grupo Villar Mir adquiriu os activos de Carburos Metálicos.