Asemblea traballadores/as Ferroatlántica acorda suspender temporalmente o peche pero non cesa na loita

Á espera do resultado da reunión do luns co goberno galego
Cee - 26 Nov 2016

O Comité de Ferroatlántica celebrou este sábado  unha asemblea de traballadores/as no Concello de Cee na que se informou e valorou positivamente os pasos dados en contra da venda e segregación das centrais para que a Xunta de Galiza saíse da ambiguedade. A asemblea tivo lugar despois  da reunión do Presidente da Xunta cos alcaldes da Comarca e o anuncio da convocatoria por parte do Goberno Galego dunha reunión co Comité para o vindeiro luns.

Nesa valoración o pleno do comité de empresa  agradeceu a participación e implicación da xente da comarca coas mostras de apoio recibidas durante o peche e nas concentracións que a diario se levan celebrando.

Ademais do apoio institucional por parte de todos os Alcaldes da Comarca e pola boa disposición e acollida no Concello de Cee durante o peche. Das organizacións políticas comarcais e nacionais do ámbito parlamentario e fóra del, e sobre todo, as mostras de espontaneidade e solidariedade de todo tipo de asociacións, comités, autónomos, e pequenas empresas destacando aqueles locais de hosteleria que o longo dos días de peche abasteceron desesinteresadamente de alimentos e bebida as persoas que estiveron no mesmo.

O comité valora positivamente o compromiso público adquirido, no que se corresponsabilizan os alcaldes da comarca,  de facer valer o título concesional e polo tanto, a non autorización da segregación, no caso de que a empresa rexistre a venda na Xunta, ademais de informar de calquer movemento que se produza. Compromisos que terán que concretizarse na reunión que o vindeiro luns o Comité de Empresa manteña co Conselleiro.

Deste xeito, a asemblea acordou suspender temporalmente o peche e as mobilizacións diarias diante do Concello até a celebración da reunión co Goberno Galego, xa que o Comité non vai cesar a súa loita contra a intención da empresa de vender as Centrais. Do resultado informarase a asemblea para valorar as futuras mobilizacións.