As asembleas de persoal aproban o preacordo para o convenio do metal da Coruña ao acadarse os obxectivos marcados

A CIG pon en valor que foi a unidade e a firmeza na loita de todo o sector o que permitiu rachar co inmobilismo patronal e acadar substanciais melloras
A Coruña/Ferrol/Compostela - 29 Xun 2026

As asembleas de traballadores e traballadoras do metal realizadas pola CIG na tarde deste luns aprobaron por amplísima maioría o preacordo de convenio asinado entre a representación sindical e a patronal a última hora deste luns. A ratificación do texto por parte do persoal supón a desconvocatoria das xornadas de folga previstas para mañá, martes 30 de xuño, e os días 2, 7 e 9 de xullo.

A CIG-Industria valora moi positivamente o acordo alcanzado, ao recoller os principais obxectivos marcados polo sector para a negociación deste convenio tanto a nivel económico, como nas melloras laborais e sociais. Hai que salientar que chegar a este acordo só foi posíbel grazas á intensa loita sostida polo conxunto do persoal, que secundou de xeito masivo oito xornadas de folga e numerosas mobilizacións.

A contundente resposta do persoal nos centros de traballo e nas rúas logrou rachar co inmobilismo da patronal e coas súas pretensión de alongar a negociación no tempo, obrigando o empresariado a pór enriba da mesa propostas acordes coas demandas sociais. “Este conflito debe ser un exemplo para o conxunto da clase traballadora galega”, asevera  CIG-Industria, destacando que por primeira vez dende 2017 se negocia e acorda o convenio no semestre seguinte a caducar o anterior marco regulador.

“Demostrouse a capacidade dun sector que foi quen de vencer as pretensións dunha patronal que primeiro, coa escusa da guerra no Irán, quería liquidar a negociación cun convenio só para 2026 cunha suba do 3,5% e, despois intentou dilatar deliberadamente o proceso negociador sen un calendario concreto de reunións”, rexeita a CIG-Industria.

Incremento total do 15% e medidas para frear a precarización

Sobre o contido do preacordo, a nivel salarial, durante o período de vixencia do convenio (2026-2029) aplicaranse os seguintes incrementos: 5% para o ano 2026, 3% para 2027 e 2028 e 4% para o ano 2029. Sumando un incremento total nestes catro anos do 15%, coa garantía ademais de mantemento do poder adquisitivo xa que se consegue rachar coa revisión ao cruce que existía até agora ao incluír unha cláusula de revisión anual ao IPC con efectos retroactivos a 1 de xaneiro.

É dicir, a partir deste convenio os atrasos xerarase dende o primeiro día do ano e non dende o mes no que o IPC supere os incrementos pactados. En materia salarial esta  era unha das principais reivindicacións do persoal do sector e unha das liñas vermellas.

Outro das cuestións fundamentais para esta negociación refírese á loita contra a precariedade que se está a estender no siderometal. Neste senso, cómpre subliñar que se conseguiron avances na estabilidade do emprego ao fixarse por convenio que, como mínimo, o 75% do cadro de persoal ten que ser indefinido; incorporar fórmulas para limitar a contratación a través de ETT; garantir a aplicación do convenio de siderometal ás persoas contratadas por esta vía; ou ampliar a subrogación á actividade de fabricación de bebidas que até agora non tiña recoñecido este dereito.

Un salto significativo neste campo supón o novo artigo para regular a contratación fixa descontinua que asegura un período mínimo de traballo de seis meses e actívase un mecanismo para garantir unha tempo mínimo de actividade continuada de 15 días.

Ademais mellorase a indemnización por remate dos contratos non indefinidos que pasa de 16 a 18 días por ano traballado, e tamén se mellora no caso dos ceses voluntarios.

Melloras laborais e sociais

En materia de xornada, durante a vixente do convenio reducirase en 12 horas a xornada máxima anual, quedando fixada nas 1740 no ano 2029; os días 24 e 31 de decembro terán consideración de non laborábeis; e as vacacións pasan de 24 días hábiles a 25 dende 2027.

O preacordo incorpora ademais melloras nas condicións das persoas desprazadas; créase un plus de pernocta; aumenta o prezo da quilometraxe e mellórase o pago da nocturnidade e do traballo a quendas. Tamén se incrementa o plus de retén, e clarifícase a aplicación e as medidas de compensación relativas ao plus de toxicidade, perigosidade e penosidade, cunha nova redacción para evitar que as empresas escamoteen o abono destes complementos ao persoal que ten dereito a percibilos polas características e condicións do seu traballo.

Así mesmo, prodúcense avances nos permisos e licencias, como a ampliación do tempo para acudir ao consultas de especialistas, e mellorase o seguro colectivo ao incluír na cobertura os accidentes de traballo. O empresariado tamén asume o compromiso de defender o estabelecemento de coeficientes redutores da idade de xubilación.

A loita é o único camiño para avanzar nos dereitos

A CIG reitera que acadar este preacordo non sería posíbel sen a firme determinación do persoal que acreditou na folga como único camiño para avanzar nas súas condicións laborais e entendeu ás claras que sen conflito non hai melloras nos dereitos. De feito, con preacordo asinado hoxe, o convenio de siderometal da provincia da Coruña confirmase como o de mellores condicións a nivel galego e sitúase en dereitos e a nivel salarial na vangarda dos convenios do metal de todo o Estado.