As asembleas do persoal do transporte de viaxeiros/as acordan que a CIG impugne o convenio de eficacia limitada por ser unha fraude

A Coruña - 03 Mar 2025

As asembleas do persoal do transporte de persoas por estrada celebradas na noite deste luns na Coruña, Compostela e Ferrol aprobaron por unanimidade a proposta da CIG de impugnar na vía xudicial o convenio de eficacia limitada asinado entre a patronal e UGT, polas múltiples irregularidades cometidas no proceso de mediación.

O persoal considera, ao igual que a CIG, que este pacto constitúe unha fraude porque se asinou cando a mediación aínda estaba aberta, porque se vulnerou a liberdade sindical ao non intentar nunca unha negociación coa totalidade da mesa, senón só coa UGT, e porque supón un ataque directo ás expectativas das traballadoras e traballadores de acadar un convenio digno e estatutario, ao impórselle un texto que foi rexeitado en referendo polo 70% do colectivo en votación.

Para, Ernesto López Rei, representante da CIG na mesa de negociación, a mala fe coa que actuaron UGT e a patronal nesta mediación manifesta que para ambas organizacións impor un convenio de eficacia limitada “era un fin en si propio e non o resultado da negociación”.

“O normal, valora, é intentar unha negociación con toda a mesa e tentar acadar un convenio de eficacia xeral”. López Rei incide en que estamos ante un atentado á liberdade, mais tamén ante unha falta de respecto ao Consello Galego de Relacións Laborais e á súa función mediadora.

Critica que dende o inicio da mediación se buscou deixar a CIG á marxe da negociación, mesmo manobrando para modificar a representatividade sindical, e tras do contundente resultado do referendo, a patronal e UGT dedicáronse a boicotear a mesa co único obxectivo de sacar adiante o acordo que o persoal non quixo por insuficiente e lesivo. “Imporllo mediante este tipo de pacto é un acto de crueldade contra o sector por non tragar con máis recortes e por demostrar unha capacidade de loita, organización e unidade exemplar”.

Finalmente, na reunión do pasado venres consumouse a traizón sindical de UGT, mentres CCOO se mostrou como unha peza útil á patronal, na medida en que non permitiu unha alternativa e facilitou que se castigue ás persoas traballadoras cun pacto de eficacia limitada.

A CIG xa está preparando a impugnación xudicial deste pacto e porá en marcha todas as accións legais e sindicais precisas para que a negociación do próximo convenio colectivo se desenvolva con todas as garantías, para reverter os recortes, avanzar na mellora das condicións de traballo e conquistar novos dereitos para o sector.