Asina a campaña para pedir a retirada de Cuba da lista de países patrocinadores do terrorismo

Internacional - 18 Xan 2024

A CIG anima a asinar a campaña internacional para demandar a retirada de Cuba da lista de países patrocinadores do terrorismo e para que se levante o criminal e inhumano bloqueo decretado polos EUA hai máis de 60 anos, e que mantén até o día de hoxe como principal eixo da súa política sobre a illa.

» Asina aquí a petición

A campaña, baixo o lema "Cuba vive e resiste", está promovida por organizacións e movementos socias e populares de todo o mundo e ten como obxectivo recoller un millón de sinaturas para exixir ao actual Goberno dos Estados Unidos de Norteamérica a exclusión de Cuba do listado de estados patrocinadores do terrorismo, como primeiro paso para a retirada do bloqueo económico, comercial e financeiro que obstaculiza o desenvolvemento do país caribeño e o benestar da súa poboación.

Cómpre lembrar que, en plena pandemia, a administración Trump tentou danar aínda máis a economía cubana non só reforzando o bloqueo con novas sancións, senón incluíndo a Cuba na lista de estados patrocinadores do terrorismo. Esta declaración ten impedido ao país realizar transaccións utilizando sistemas bancarios internacionais, dificultando así a adquisición de bens necesarios (como combustíbel, alimentos, materiais de construción ou medicinas) no mercado internacional .

Este inxusto e ilegal bloqueo sostense con total impunidade a pesar das reiteradas condenas a nivel internacional. Por iso, a CIG seguirá exixindo o levantamento inmediato do bloqueo e da declaración de colaboradores co terrorismo por parte de EUA; así como reiteramos o noso apoio e solidariedade co pobo cubano.