A CIG anima a asinar a iniciativa cidadá europea en demanda da liberación das patentes das vacinas

E para esixir transparencia informativa e control sobre a achega de fondos públicos
Internacional - 26 Abr 2021

A CIG participa como promotora, xa desde finais do ano pasado, da Iniciativa Cidadá Europea “right2cure”, “Todo o mundo merece protección fronte á Covid-19. Que ninguén se lucre coa pandemia. Para levar adiante esta iniciativa é necesario recoller, cando menos, un millón de sinaturas de cidadáns e cidadás da UE. Dende a CIG animamos a que vos sumedes a esta iniciativa asinando o formulario que hai nesta ligazón: https://noprofitonpandemic.eu/gl/.

Considerando a saúde como un dereito universal, esta iniciativa pretende que todo o mundo teña dereito á protección fronte ao virus coa liberación das patentes das vacinas; que haxa transparencia informativa e control sobre a achega de fondos públicos para o seu desenvolvemento e a súa xestión; que rematen os monopolios de certos laboratorios; que se faga extensivo o uso de todas as vacinas que pasaran os controis sanitarios pertinentes, con independencia da súa procedencia; e que, en definitiva, a pandemia non sexa usada para o lucro e o negocio.