Asina por unha enerxía ao servizo de Galiza

O 10 de xullo presentaranse no Parlamento os pregos de sinaturas para levar a debate do pleno esta iniciativa

Nacional -

A CIG presentará no Parlamento o 10 de xullo as sinaturas necesarias para levar a debate a pleno a ILP impulsada pola central sindical de “Medidas para a nova xestión dos saltos e aproveitamentos hidroeléctricos no territorio de Galiza”. Por iso fai un chamamento a aproveitar estes últimos días tanto para asinar como para recoller sinaturas para que chegue á cámara co máximo apoio posible.

Con esta ILP reclámase que a Xunta recupere as concesións dos saltos e centrais hidroeléctricas, nas concas nas que ten competencias, para fins de utilidade pública e interese social e que estes recursos sexan xestionados directamente ou por empresas mixtas.

ACIG lembra que subministramos enerxía eléctrica para todo o Estado e, malia os custos sociais e medio ambientais do seu espolio, os nosos recursos non están ao servizo do pobo galego nin do desenvolvemento industrial. Por iso defende a necesidade de pór en marcha iniciativas para garantir que sexa un auténtico servizo público que reverta no desenvolvemento económico e industrial do noso país, permita a creación de emprego e combata a pobreza enerxética.

Incremento constante do prezo de electricidade

Denuncia que o constante incremento do prezo da electricidade evidencia que o actual marco regulatorio e tarifario está sometido aos desexos das empresas eléctricas que actúan en réxime de oligopolio, o que deixa en situación incerta o futuro de moitos empregos; provoca o aumento de familias que non poden pagar a factura da enerxía; e impide un desenvolvemento industrial que cree emprego e free a sangría da emigración.

Por iso defende reverter á xestión pública os saltos e aproveitamentos hidráulicos; revisar as concesións para ver se cumpren as cláusulas; e que tres anos antes do remate dunha concesión a Administración inicie os trámites para revertela, evitando que volva ao negocio privado.

Volver