Asinado acordo para prorrogar en seis semanas o período de consultas do ERE de Alcoa

O comité e a multinacional aceptan “por unanimidade” a proposta de Ministerio e Xunta
Nacional - 13 Ago 2020

Esta mañá asinábase, no Consello Galego de Relacións Laborais, o acordo polo que se prorroga o período de consultas do ERE da planta de aluminio de Alcoa Inespal en San Cibrao seis semanas máis, para facilitar así o proceso de venda. Un acordo que a CIG valora positivamente porque “vai no camiño de garantir a continuidade industrial, os postos de traballo e o futuro do aluminio” e cuxo contido se aproxima ao que se demandaba tanto desde o comité como desde a central sindical.

Ábrese a partir de aquí a operación de venda e conséguese que esta se desenvolva sen parada de cubas nin da actividade industrial. Un período no que a CIG agarda que se impliquen os gobernos para que esa venda teña lugar.