Asinado no AGA o acordo que garante que o persoal de habilitación cobrará os pluses de aceiros establecidos no convenio do metal

Ferrol - 24 Xan 2024

Na tarde deste martes, a representación sindical e a asociación de empresas do naval público da Ría de Ferrol procedían a asinar no marco do AGA o acordo polo que recoñece expresamente que o persoal da industria auxiliar que realiza tarefas de habilitación de buques ten que cobrar os pluses de aceiros e armamento recollidos no convenio do metal. 

Deste xeito, clarifícase a disposición adicional segunda do convenio colectivo de siderometal da provincia da Coruña ao determinar que actividades están encadradas na táboa salarial de pintura e servizos e cales corresponden a aceiros.

Este acordo será trasladado á comisión paritaria para a súa inclusión no articulado do convenio colectivo, outorgándolle así rango de legalidade e obrigación de cumprimento para todas as compañías que concorran ás licitacións de Navantia en Ferrol e Fene.

Chegar a este punto foi posíbel grazas á actuación decidida da CIG-Industria para iniciar o conflito e á determinación do persoal das auxiliares de Navantia que, farto de ver como as empresas incumprían cos seus dereitos salariais e de que utilicen a precarización das condicións de traballo como mecanismo para presentar ofertas máis baixas, apostou pola mobilización para rachar estas dinámicas de abuso patronal.

Unha campaña reivindicativa que levou a que durante dous meses os traballadores e as traballadoras se mobilizaran e fixeran paros nas distintas auxiliares nas que se detectaron incumprimentos, até lograr que a asociación de empresas do naval público aceptara incluír esta clarificación da disposición adicional no convenio.

Este acordo é un paso máis na loita contra a precariedade na industria auxiliar, mais as organizacións sindicais advirten que aínda queda moito camiño por andar na mellora das condicións de traballo do conxunto do sector.