Asinado o acordo de integración dos acordos das auxiliares de Navantia no convenio do metal da Coruña

A partir de agora serán de obrigada aplicación para todas as empresas cando operen dentro dos estaleiros

Ferrol -

Esta mañá reuníase, no Consello Galego de Relacións Laborais, a mesa negociadora do convenio colectivo de siderometal da Coruña para efectivizar a integración dos acordos da industria auxiliar do naval de Ferrol no texto do convenio provincial, despois de ser ratificado o documento polas asembleas de traballadores/as.

A partir de agora, todas as empresas auxiliares que operen dentro dos estaleiros de Fene e Ferrol terán obriga legal de aplicarlle aos traballadores e traballadoras destinadas nestas instalacións as condicións económicas recollidas no acordo. Regúlase así o sector e dáselle unha estabilidade da que carecía até agora, xa que os acordos asinados en 2001 entre industrias e sindicatos carecían de eficacia normativa. 

Ademais, a inclusión dos acordos no convenio supoñen unha obriga tamén nos futuros contratos que licite Navantia, que deberá incorporar as táboas salariais  nos pregos de condicións. Acábase así coa competencia desleal que se estaba a dar entre empresas, que ofertaban prezos baixos a conta de recortar os salarios do persoal.

A incorporación do acordo acadado na Mesa do Naval faise como disposición transitoria do convenio até o 30 de xuño de 2020. Pero para solucionar calquera problemas de lexitimidade, as empresas do sector do naval público da ría de Ferrol vanse constituír en asociación patronal (nun prazo de catro meses) co único obxecto de ratificar o acordo coas organizacións sindicais máis representativas. A partir dese momento, o acordo será incorporado como disposición adicional ao convenio provincial, con toda a forza normativa e a ultravixencia deste último.

Os dereitos conquístanse

Dende a CIG-Industria reiteran que lograr a inclusión dos acordos no convenio provincial só foi posíbel "grazas á loita constante e prolongada do persoal". Cómpre lembrar que en outubro do pasado ano a CIG, atendendo ao mandato das asembleas de traballadores/as, convocou en solitario unha folga nas auxiliares que, a pesar dos intentos de boicot, deslexitimación e criminalización, mantivo durante 22 días paralizado a actividade nos estaleiros da ría.

Unha folga exemplar na que o persoal deu unha mostra de forza, unidade e determinación pola recuperación do seus dereitos que agora ten a súa recompensa. "Queda demostrado unha vez máis que os dereitos hainos que conquistar, que non veñen nin da man da patronal, dos gobernos nin pola vía da concertación social".

Volver