Asinado o convenio de pintura da Coruña que garante salarios e recolle importantes melloras

Esta é a primeira vez que a CIG ten maioría absoluta na mesa de negociación
A Coruña - 03 Abr 2018

A Federación de Construción e Madeira da CIG vén de asinar o novo convenio colectivo que rexerá o sector da pintura da provincia da Coruña con vixencia de 2017-2021, sendo ademais, o último convenio deste sector no Estado español. Coa sinatura da CIG desbloquéase unha situación de parálise do convenio que se viña arrastrando dende o ano 2016, malia a oposición de UGT e CCOO que se negaron a asinar porque o convenio mellora cuestións reguladas no marco estatal.

Este convenio contempla unha suba salarial do 1.9% para 2017 e do 2% para este ano,  así como unha cláusula de revisión ao IPC para garantir que o poder adquisitivo sempre se mellore ou cando menos, se manteña.

Así mesmo, inclúese un novidoso artigo referido á mobilidade xeográfica que garante unha serie de condicións para os traballadores e traballadoras desprazadas ao estranxeiro, tales como anticipo de dietas, tempos mínimos de estancias na súa casa entre viaxes, garantía de vacacións e licencias retribuídas, dereito á fiscalidade máis beneficiosa en terceiros países, ou todas as facilidades para formar comités de empresa durante eses desprazamentos. A asunción destas cláusulas no novo convenio é consecuencia da campaña que a FCM-CIG está desenvolvendo no sector de construción e reforma de locais comerciais.

Tamén se aprobou estender a regulación da participación de ETTs no sector ás empresas multiservizos. Xunto a isto exímese as empresas afectadas polo convenio de cotizar á Fundación Laboral da Construción, unha entidade de carácter privado que a CIG denuncia por ten un comportamento fraudulento e que resulta absolutamente inútil tanto para as empresas como para os traballadores/as do sector. Esta última cuestión foi outros dos motivos da oposición de UGT e CCOO ao asinamento deste convenio, xa que son as grandes beneficiarias desta Fundación.

A FCM-CIG amósase moi satisfeita do resultado desta longa negociación e agarda poder seguir espallando este tipo de acordos beneficiosos para os traballadores galegos, negociando no seu ámbito máis próximo e non en mesas de negociación burocratizadas polas cúpulas sindicais e patronais estatais nas que o persoal non ten poder de decisión. Para iso seguirá tentando reforzar a posición hexemónica da CIG nos sectores afíns da construción, co apoio dos/as traballadores/as do sector, pois está claro que é esa maioría a que garante convenios e acordos dignos.