Asinado o convenio de Serradoiros e Rematantes da Coruña que mellora as condicións do sector
CIG, UGT e a patronal veñen de asinar o novo Convenio Colectivo de Rematantes e Serradoiros da Coruña, en cuxa negociación a central nacionalista desenvolveu de novo un papel determinante para a súa supervivencia, ao sermos quen de conseguir reactivar as negociacións tras meses de espera e finalmente chegar a un acordo que mellora as condicións salariais e de traballo no sector.
A principal novidade do texto é a blindaxe salarial, que como mínimo garante (e ademais aumenta) o poder adquisitivo no sector, ao recoller unha suba de 1,3% até a actualidade e garantía a IPC ao final do convenio. Tamén se produce a incorporación dunha nova actividade no convenio até agora desregulada: o dos desbroces (coa única excepción das que desenvolvan as brigadas antiincendios).
Esta modificación traducirase en que unhas 400 novas empresas estarán reguladas por este convenio, o que suporá que uns 800 persoas que até agora traballaban baixo as condicións mínimas reguladas no ET pasarán a estar cubertas polas condicións do convenio de Serradoiros. Xa no anterior convenio se producira unha mellora importante coa inclusión das actividades de talas e podas.
A sinatura produciuse a pasada semana polas centrais sindicais máis representativas: CIG (amplamente maioritaria neste sector) e UGT, mentres que CCOO (sen apenas representatividade no sector) descolgouse a última hora da sinatura sen ter efectuado nin unha soa proposta, e nin sequera contestar a proposta de calendario laboral da CIG.
A FCM-CIG seguirá traballando para reforzar a presenza sindical no sector da madeira, que considera un dos sectores estratéxicos con máis interese e futuro en Galiza, mais cuxas condicións laborais e salariais están aínda lonxe de ser o dignas que deberan ser, e que ademais corre perigo pola progresiva caída de oferta da materia prima que demanda o sector, en detrimento da expansión imparábel do eucalipto promovida pola Xunta para beneficiar a industria pasteira.