Asinado o convenio do transporte de residuos de SOGAMA cun importante incremento salarial e melloras nos dereitos

O acordo tamén contempla a redución da xornada, melloras na IT ou o reforzo do persoal neste servizo adxudicado a empresa Transportes Pacholo
Nacional - 13 Ago 2026

Logo dunha complexa negociación de ano e medio, vénse de asinar un convenio colectivo plurianual para o transporte por estrada de residuos de SOGAMA (adxudicado a Transportes Pacholo) que consolida un avance retributivo até o ano 2034 que supera, no acumulado, o 50% de incremento sobre o salario actual.

O acordo ten vixencia do ano 2025 até o ano 2034 e os incrementos pactados en cada anualidade serán: 3,5% para 2025; 4,5% para 2026; 6% para 2027; 6% para 2028; 6% para 2029; 6% para 2030; 6% para 2031; 4% para 2032; 2,5% para 2033 e 2,5% para 2034.

Nestes dous últimos exercicios, ademais, aplicarase unha cláusula de revisión salarial do 1% sobre o IPC, con pago de atrasos e inclusión nas táboas da diferencia. Os atrasos de 2025 e 2026 abonaranse xa na próxima nómina de setembro.

A maiores, estabelécese un plus para o abono do traballo nocturno para quen realice a súa xornada de noite a razón de 25 euros por día desde 2027, 30 euros por día a partir de 2029 e 35 euros por día a partir de 2032.

En materia de xornada, acórdase unha rebaixa para os centros de traballo de Pontevedra, Ourense e Lugo de 8h en 2026, 8h en 2028, 8h en 2030, 8h en 2032 e 8h en 2034. E incorpórase tamén un novo día de libre disposición, pasando a tres desde a sinatura do convenio.

Auméntase a compensación, en tempo ou descanso equivalente, para quen lle corresponda traballar un festivo e redúcese o traballo en domingos a exclusivamente un ao ano.

Ademais mellórase a cobertura nos primeiros 20 días de baixa por incapacidade temporal por enfermidade común, pasando ao 50% e 70%. Esta mellora, salienta Inácio Pavón, da FGAMT-CIG, lógrase nun contexto “no que tanto a patronal como o Partido Popular están tentando recortar as coberturas e criminalizar a quen enferma”.

Outra cuestión que se inclúe no acordo “é o compromiso empresarial do aumento dos postos de traballo, comprometéndose neste momento a sete novas contratacións e ao mantemento, como mínimo, deste volume de emprego”, indica Pavón.

Un servizo marcado polos abusos patronais

Este avance nos dereitos, engade, prodúcese nun convenio que xa contaba con importantes melloras sociais nas coberturas de IT, na xornada anual e cuadrantes de traballo, licencias, organización das vacacións, días de libre disposición ou asuntos propios e xubilación, “pero que, non obstante, non se lle aplicaban a unha parte importante do cadro de persoal que se incorporou posteriormente á subrogación da anterior contrata do transporte de RSU de Sogama, en 2016”.

Hai que lembrar nese ano iniciouse un intenso conflito laboral neste servizo, cando tanto SOGAMA como a nova adxudicataria, a UTE integrada por Copasa, Renfe e Logirail, e da que depende Transportes Pacholo, tentaron deixar fora ao persoal que estaba traballando na anterior empresa e así rebaixar as condicións laborais.

“Foron anos de loitas e convocatorias de folga para conseguir primeiro o mantemento do 100% dos postos de traballos, logo para recuperar as condicións económicas e conseguir un cuadrante de traballo que garantira xornada anual e descansos”, apunta o presidente do comité, Manuel Regueiro.

A través desta loita, engade, tamén se conseguiu a contratación indefinida e condicións de traballo para aquel persoal condutor contratado despois da subrogación (que provocou unha folga de máis de 3 meses e 8 readmisións), un novo centro de traballo con vestiarios e uniformidade, e o primeiro convenio “que consolidaba todo isto ademais de non ter que baixar dos vehículos nas instalacións de SOGAMA, reducindo os riscos e a penosidade”.

Agora, este convenio consegue unir a unhas condicións de traballo moi avanzadas para o sector do transporte, un salario que superará amplamente o do convenio sectorial. Neste senso, Pavón e Regueiro valoran que chegar a este acordo foi posíbel grazas a unidade e a forza demostrada nestes dez anos polo conxunto do persoal que deixou a parte social “nunha posición negociadora que permitiu este enorme avance”.