Asinado un acordo económico no transporte de mercadorías da provincia da Coruña
As organizacións sindicais e a patronal asinaron na tarde de onte, xoves 31 de xullo, un acordo económico para o transporte de mercadorías por estrada da Coruña. Por primeira vez en moito tempo, a CIG ratifica un acordo retributivo neste sector, pois, entre outras cuestións, o importante aumento da presenza da central nacionalista na mesa negociadora posibilitou rachar cunha dinámica que se viña arrastrando dende hai anos na que a perda de poder adquisitivo foi unha constante.
O acordo asinado contempla os seguintes puntos:
- Suba dun 4% desde o 1 de agosto e atrasos sobre o salario base (e pagas extraordinarias) desde o 1 de xaneiro.
- Recuperación das pagas completas (30 días de salario base máis antigüidade) a partir do 1 de xaneiro de 2026.
- Manter aberta a mesa negociadora co compromiso de tratar tamén, ademais dos temas económicos, os relativos á xornada e aos permisos. A seguinte reunión será o 15 de setembro e despois cada 15 días até alcanzar un novo acordo.
Valoración positiva do acordo
A CIG valora positivamente este acordo que supón en total unha suba do 8,38%, sumando a suba do salario base e a recuperación das pagas extras completas. Isto permite recuperar parte do poder adquisitivo que se perdeu nos últimos convenios e que a CIG non asinou por esta e outras razóns. Ademais conséguese rachar coa nefasta dinámica de que os convenios só teñan efectos desde a sinatura e non a ano completo, pagándose con este acordo os atrasos desde o 1 de xaneiro.
Incluiranse ademais no convenio os permisos e a lexislación que xa está en vigor no Estatuto das persoas traballadoras, pois aínda que xa son de aplicación, incorporar estes dereitos no texto do convenio colectivo permitirá rematar coa picaresca dalgunha empresa.
Con todo, apunta a FGAMT-CIG (a federación da CIG que se encarga do transporte), “este acordo é só para o salario de 2025 e para que non se sigan acumulando atrasos”. O salario do ano 2026 e o resto de materias, entre as que están a xornada, os permisos e a conciliación familiar -e que a patronal se comprometeu a tratar-, serán abordadas xa desde setembro na mesa negociadora que segue aberta.
A mesa de negociación segue aberta
A CIG entende que este é “un pequeno paso” para colocar o convenio provincial da Coruña “á altura do traballo no transporte”. Pero advirte que asinar este acordo “non supón un cheque en branco” e os novos pactos que pechen o convenio colectivo “teñen que seguir na senda da recuperación e a mellora do poder adquisitivo, da rebaixa da xornada anual e a dispoñibilidade diaria e a correcta remuneración de domingos, festivos ou noites, por citar só algunhas materias”.
Neste sentido, a CIG amosa a súa disposición a manter a unidade sindical, sempre que o obxectivo sexa a recuperación do poder adquisitivo, a mellora substancial da xornada e que o sector coñeza puntualmente o que se negocia na mesa, para poder valorar como avanzan as conversas e debater, de ser preciso, a convocatoria de mobilizacións.