Asínase o convenio do comercio vario da provincia de Pontevedra tras incorporar melloras laborais

A CIG-Servizos ratificou o documento ao establecer unha suba salarial digna con revisión a IPC e unha redución substancial da xornada
Pontevedra - 22 Abr 2026

Hoxe tivo lugar o acto de sinatura do convenio colectivo provincial do comercio vario de Pontevedra, que afecta a máis de 12.000 persoas traballadoras, e que incorpora unha serie de melloras laborais, como unha suba salarial digna con revisión a IPC si este supera o 3% e unha redución substancial da xornada.

O documento foi asinado polas tres organizacións sindicais con representación na mesa -a CIG, CCOO e UGT- e polas federacións de comercio da Confederación de Empresarios/as de Pontevedra (CEP). 

Os catro sectores comprendidos no convenio (téxtil maior, polo miúdo, calzado e pel e bazares) van ter os mesmos salarios e 20 minutos de tempo de descanso efectivo

O convenio, que terá unha vixencia de cinco anos (2025-2029), establece uns incrementos de soldos que oscilan entre o 3% e 12%, dependendo das distintas categorías profesionais, cunha revisión salarial con carácter retroactivo si o IPC supera o 3% en cada un dos anos de vixencia.

Como novidades, os catro sectores comprendidos no convenio (téxtil maior, polo miúdo, calzado e pel e bazares) van ter os mesmos salarios e 20 minutos de tempo de descanso efectivo; tamén se equipara o prezo das horas extras en domingos e festivos, no 100% e no 125% respectivamente. Ademais, o plus de transporte pasará a salario base no ano 2027, de xeito que se cobrará nas 16 pagas que contempla o convenio.

A efectos de promoción profesional, considerarase antigüidade o tempo total de prestación de servizos na empresa, incluído o realizado mediante contratos temporais sucesivos, calquera que sexa a súa modalidade ou duración. Unha vez superados os anos de antigüidade acumulada, a persoa traballadora terá dereito a optar á promoción de categoría prevista neste convenio.

En canto á xornada, márcanse no convenio as quendas (de 7:00 a 15:00 horas e de 14:00 a 22:00 horas), matizando o que é xornada continuada e definindo o que é xornada partida. Ao mesmo tempo, as traballadoras poderán solicitar redución de horas voluntarias e a empresa estará obrigada a aceptar a petición, sempre que se trata de compañías de máis de 75 persoas traballadoras e cun tope do 20%.

E pactouse unha mellora substancial na redución de xornada, dado que pasarán a ter 18 sábados de descanso ao ano, o que supón unha redución importante na xornada anual xa que tamén gozan de catro días de asuntos propios de libranza.

Outras cuestións positivas do acordo

Outras cuestións positivas do acordo pasan polo aumento do prezo de hora traballada os días 24 e 31 de decembro (8 euros por hora a partir das 15:00 horas até o peche do establecemento); as baixas por IT pagaranse ao 100% dende o primeiro día; nas licenzas equipárase o permiso de casamento ás parellas de feito e dáse un día por falecemento por parentes de terceiro grao; e ampliase o permiso de saída ao médico tanto privado como público a todos os especialistas. 

As partes asinantes rexeitan calquera proceso de centralización da negociación colectiva que implique a homoxeneización á baixa das condicións laborais

A maiores, engádese un protocolo LGTBI+ e unha disposición adicional que establece que o convenio configúrase como a norma de referencia no seu ámbito funcional e territorial, “en atención a súa adecuación ás características específicas do tecido comercial, económico e social da provincia”.

Neste senso, as partes asinantes rexeitan calquera proceso de centralización da negociación colectiva que implique a homoxeneización á baixa das condicións laborais, reafirmando o papel do convenio provincial como garantía de dereitos e equilibrio no sector.

Dende a CIG-Servizos valoran positivamente o acordo, mais amosan a súa preocupación polo feito de que o texto non sexa publicado antes do convenio estatal de ARTE, “xa que se fose así non lles sería de aplicación, e polo tanto perderían todas as melloras conseguidas”.

En consecuencia, a central sindical seguirá a loitar por un acordo marco de comercio que impida que os convenios estatais poidan rebaixar as condicións laborais. “Os asinantes do preacordo de ARTE -CCOO e Fetico- están a causarlle un dano irreparábel ao sector porque as condicións das persoas traballadoras serán rebaixadas, e moitos dereitos eliminados. Polo que faremos todo o posíbel por lograr ese acordo canto antes para preservar as condicións laborais e os dereitos”.