Assange: imperio da vixilancia e imperialismo

Katu Arkonada - 03 Mar 2020

Se de algo é culpábel Assange é de nos ter aberto os ollos ante os crimes de guerra estadounidenses. Pero torturas e masacres de civís son só a punta do iceberg dunha nova era dixital onde xa non existe privacidade, e aínda que hai unha liberdade de comunicación aparente grazas ao internet, as nosas comunicacións son espiadas e militarizouse o ciberespazo e a vida civil en xeral

 O xuízo a Julian Assange, fundador de WikiLeaks, é unha metáfora perfecta de como opera hoxe o imperialismo estadounidense no mundo. Son as forzas armadas, o Departamento de Estado e a CIA os que causaron milleiros de mortos en Afganistán, Iraq, Libia ou Siria, pero é a quen mostrou ao mundo eses crimes a quen se quere condenar a 175 anos de cárcere por 18 delitos (17 deles tipificados pola Lei de Espionaxe de 1917, aprobada con motivo do I Guerra Mundial).

 Díxoo Rafael Correa de xeito contundente. Se as revelacións de Assange fosen sobre China ou Rusia, en Washington xa se tería construído o Memorial Assange en defensa da liberdade de expresión e contra os crimes de guerra.

 Pero nesta era dixital mátase o mensaxeiro, sexa este australiano, como Assange, ou estadounidense, como Chelsea Manning, que pasou 7 anos na cadea (dunha condena de 35 anos conmutada por Obama). Exactamente 7 anos máis que calquera analista de intelixencia estadounidense que torturase civís afgáns ou iraquís.

 Tamén 7 anos (2.487 días) foron os que Julian Assange pasou refuxiado na Embaixada de Ecuador no Reino Unido tras a retirada da súa condición de asilado político por un Lenín Moreno subordinado aos intereses de Estados Unidos.

 Se de algo é culpábel Assange é de nos ter aberto os ollos ante os crimes de guerra estadounidenses, de poñernos diante os manuais de tortura de Guantánamo, ou o vídeo Collateral Murder, onde helicópteros AH-64 Apache abrían fogo nas rúas de Bagdad e masacraban a 11 civís (entre eles 2 colaboradores da axencia de noticias Reuters). Manuais e imaxes que facían difícil mirar para outro lado ante os crimes de guerra cometidos por Estados Unidos e os seus aliados por todo o planeta.

 Pero torturas e masacres de civís son só a punta do iceberg dunha nova era dixital onde xa non existe privacidade, e aínda que hai unha liberdade de comunicación aparente grazas ao internet, as nosas comunicacións son espiadas e militarizouse o ciberespazo e a vida civil en xeral.

 WikiLeaks fixo emerxer o iceberg e de súpeto converteuse nun elefante que estaba ante nós e non nos permitía mirar cara a outro lado. Grazas a WikiLeaks coñecemos que é SIPRNet, un protocolo secreto de redes de enrutado de internet que opera o Departamento de Defensa para aloxar información confidencial.

 As filtracións de Collateral Murder ou Irak War Logs en abril e outubro de 2010, abriron o camiño para que en 2013 Edward Snowden filtrase a información sobre os programas PRISM e Xkeyscore da Axencia de Seguridade Nacional (NSA) estadounidense. Programas que servían para obter e analizar de forma masiva datos e metadatos recollidos de compañías como Google, Facebook ou Apple.

 É por nos amosar como operan o imperio da vixilancia e o imperialismo na era dixital, unha alianza entre os aparellos militares de seguridade e as grandes empresas de internet, polo que Snowden está refuxiado en Rusia, e Assange está preso no cárcere de alta seguridade de Belmarsh, Londres, mentres é xulgado co obxectivo de extraditalo a Estados Unidos nun xuízo que se retomará entre o 18 de maio e o 5 de xuño. Entrementres, a primeira semana de xuízo a Snowden converteuse tamén nunha metáfora da que lle vai caer ao fundador de WikiLeaks en caso de ser extraditado: o primeiro día de xuízo foi espido dúas veces, retido en cinco celas diferentes e esposado once veces.

 Máis aló do que ditamine un tribunal dun aliado estratéxico de EEUU na OTAN, tanto o Consello de Dereitos Humanos das Nacións Unidas como a Corte Interamericana de Dereitos Humanos cualificaron de detención arbitraria a situación de Snowden, e insistiron na necesidade de garantir o asilo. Por non falar da condena mundial ao intento de censurar a liberdade de expresión, nun caso amparado pola propia Primeira Emenda á Constitución dos Estados Unidos. Resulta paradoxal que en 2020 esteamos debatendo recorte de dereitos que, se se producisen fai 50 anos, imposibilitarían o escándalo de Watergate e a renuncia de Nixon.

 É por iso polo que o xuízo ao fundador de WikiLeaks é un xuízo contra a liberdade de expresión, porque como dixo o propio Assange: “Cada vez que somos testemuñas dunha inxustiza e non actuamos somos máis pasivos ante a súa presenza e con iso podemos chegar a perder toda habilidade para defendernos e para defender a quen queremos”.

 Pero ademais, o xuízo a Assange é a posibilidade de nos manifestar contra o imperialismo da era dixital e o imperio da vixilancia que constrúe. Díxoo o propio Snowden: “Non quero vivir nun mundo onde todo o que eu diga ou faga, toda persoa con quen eu fale, toda expresión de creatividade, amor ou amizade sexa gravada”.

 Non queremos que os gobernos vixíen de forma indiscriminada os seus cidadáns e cidadás, pero si queremos unha cidadanía que teñen vixiados os sumidoiros do poder para que respondan polos crimes cometidos en guerras de espolio polos recursos naturais do planeta.

 

[Artigo tirado do sitio web TeleSur, do 29 de febreiro de 2010]