Ataque dos Estados Unidos a Irán e a quebra definitiva da orde internacional

Xavier Villar - 24 Xun 2025

O ataque a Irán non se debe analizar en termos de proporcionalidade ou táctica, senón como expresión dunha lóxica máis profunda: a dun sistema internacional que perdeu toda capacidade de arbitrar entre os seus membros de forma xusta. A intervención estadounidense, lonxe de ser unha acción desesperada, foi unha decisión consciente e premeditada, sustentada na convicción de que a forza segue sendo a linguaxe última da política global

 O 22 de xuño de 2025, Estados Unidos bombardearon instalacións nucleares iranianas nun ataque coordinado con Israel que puxo fin a calquera ficción sobre a natureza da orde internacional.

 Lonxe de constituír unha acción illada ou reactiva, o bombardeo coroou unha campaña sostida de presión que, baixo o disfrace da diplomacia, encubría unha estratexia de asfixia e provocación. Do mesmo xeito que a guerra iniciada por Israel o 13 de xuño, o ataque estadounidense careceu de xustificación legal ou estratéxica lexítima. Foi, por todas as súas características, un acto de agresión planificado e non provocado.

 A ofensiva, que concentrou un poder destrutivo inédito sobre as instalacións de Fordow, Natanz e Isfahan, non só violou o principio de soberanía consagrado na Carta das Nacións Unidas, senón que tamén crebou de forma flagrante o réxime de non proliferación nuclear. Os tres complexos atacados estaban baixo supervisión da Axencia Internacional de Enerxía Atómica (AIEA) e non existía indicio ningún de que Irán estivese a desviar o seu programa nuclear cara a fins militares. Aínda así, Washington e Tel Aviv decidiron actuar unilateralmente, erosionando non só a legalidade internacional, senón os últimos vestixios de confianza nos mecanismos multilaterais.

Unha agresión anunciada

 Para quen seguiu de preto o expediente iraniano, a ofensiva non foi unha sorpresa. Desde hai meses, os Estados Unidos incrementaran a súa retórica sobre a "ameaza iraniana", a pesar de que a propia AIEA confirmaba o carácter pacífico do programa nuclear. A diplomacia estadounidense, presentada como un esforzo para evitar a escalada, demostrou ser —en retrospectiva— unha operación calculada de dilación. Cada rolda de negociacións, cada xesto de aparente distensión, non foi máis que unha táctica para gañar tempo mentres se perfilaba o ataque.

 A coordinación entre Washington e Tel Aviv foi evidente desde o inicio. As operacións israelís do 13 de xuño, que marcaron o inicio dunha nova fase de hostilidades contra Irán, serviron como globo sonda para medir a capacidade de resposta iraniana e preparar o terreo para a intervención estadounidense. A narrativa de “resposta lexítima” construída desde ambos os gobernos é tan previsíbel como cínica: as potencias nucleares actúan como xuíces, fiscais e verdugos nun escenario global que elas mesmas deseñaron.

A instrumentalización do dereito

 O dereito internacional prohibe expresamente o uso da forza salvo en lexítima defensa ante un ataque armado ou mediante resolución do Consello de Seguridade da ONU. Ningunha destas condicións se cumpriu. O ocorrido non é unha excepción, senón parte dun patrón histórico de uso instrumental do dereito por parte das potencias hexemónicas. Nese marco, as normas non son universais, senón maleábeis: aplícanse con rigor aos inimigos e ignóranse cando afectan os aliados ou a un mesmo.

 O sistema legal internacional foi moldeado, desde os seus inicios, para servir aos intereses do poder. O réxime de non proliferación, que impón férreas restricións a países do Sur Global mentres permite ás potencias nucleares manter os seus arsenais sen compromiso serio de desarmamento, é unha das expresións máis evidentes desta asimetría. A clasificación dos Estados en categorías morais —democracias responsábeis fronte a réximes perigosos— sinala unha legalidade diferencial, unha lóxica neocolonial que reproduce a vella orde imperial con novas linguaxes.

A orde que se desintegra

 Os ataques contra Irán non só crebaron principios fundamentais do dereito internacional; tamén aceleraron a crise estrutural da orde global. O Tratado de Non Proliferación (TNP), alicerce central do sistema de seguridade colectiva, foi baleirado de contido. Se cumprir coas inspeccións da AIEA non protexe a un Estado dos ataques, que incentivo queda para respectar as normas?

As consecuencias son profundas:

- Deslexitimación do TNP: A agresión demostra que adherirse ao tratado non garante protección nin recoñecemento.

- Incentivos para a disuasión nuclear: Fronte a unha legalidade sen garantías, o desenvolvemento de capacidades disuasivas vólvese unha opción racional para os Estados do Sur Global.

- Erosión do multilateralismo: As accións unilaterais substitúen os mecanismos institucionais, convertendo a seguridade internacional nun xogo de poder sen regras.

O dereito como tecnoloxía imperial

 O dereito internacional contemporáneo segue ancorado nunha arquitectura colonial. As súas institucións, linguaxe e mecanismos de validación responden ás lóxicas de poder xurdidas tras a Segunda Guerra Mundial e consolidadas durante a Guerra Fría. Nesta estrutura, o Sur Global non só é vixiado, senón tamén definido por outros: a súa legalidade, a súa racionalidade e as súas marxes de acción están suxeitos ao xuízo das potencias occidentais.

 A clasificación de Irán como un “perigo” ou “desestabilizador” non nace de feitos verificábeis, senón dun dispositivo discursivo que o inscribe na figura do Outro incontrolábel. Fronte a esta matriz, a resposta iraniana —contida, estratéxica e legalmente argumentada— non só rompe cos estereotipos impostos, senón que tamén evidencia que a verdadeira ameaza á orde mundial non provén das marxes, senón do centro.

Irán responde: legalidade e resistencia

 Malia a brutalidade do ataque, Irán optou por unha resposta calculada. Como sinalaron fontes gobernamentais, as instalacións chave foran evacuadas días antes, ante a crecente sospeita dunha inminente agresión. Este feito confirma que Teherán non foi sorprendido, senón que actuou con previsión e responsabilidade, evitando escalar o conflito máis aló do que esixe o dereito á autodefensa consagrado na Carta da ONU.

 Pero máis aló da dimensión militar, a resposta iraniana apunta a unha fronte máis profunda: a batalla pola lexitimidade. Ao denunciar a agresión ante instancias internacionais e ao invocar principios xurídicos universais, Irán despraza o debate desde o terreo da forza ao da xustiza. A posibilidade, mencionada por analistas iranianos, de pechar o estreito de Ormuz non debe entenderse como unha ameaza irracional, senón como una contramedida lexítima fronte á violación da súa soberanía.

 Desde a perspectiva dun Sur Global historicamente vulnerado, este tipo de respostas representan un acto de dignidade política. Non se trata de romper as regras, senón de desenmascarar o seu carácter arbitrario. A violencia, como mostran os ataques de Estados Unidos e Israel, non é un accidente do sistema, senón unha das súas condicións estruturais.

Conclusión: a miraxe da legalidade

 O ataque a Irán non se debe analizar en termos de proporcionalidade ou táctica, senón como expresión dunha lóxica máis profunda: a dun sistema internacional que perdeu toda capacidade de arbitrar entre os seus membros de forma xusta. A intervención estadounidense, lonxe de ser unha acción desesperada, foi unha decisión consciente e premeditada, sustentada na convicción de que a forza segue sendo a linguaxe última da política global.

 Mentres Washington e Tel Aviv actúen con impunidade, e mentres o dereito siga sendo unha ferramenta dos fortes, a seguridade internacional non será máis que unha miraxe. A única vía cara a unha orde global verdadeiramente equitativa pasa por desmantelar as estruturas coloniais do dereito internacional e substituílas por marcos xurídicos inclusivos, que reflictan non só os intereses dos poderosos, senón tamén a dignidade dos pobos historicamente silenciados.

 

[Artigo tirado do sitio web HispanTV, do 23 de xuño de 2025]