ATENCIÓN Á AFILIACIÓN E ATENCIÓN NOS LOCAIS DA CIG DURANTE A CRISE SANITARIA

Os locais estarán abertos e funcionando coa maior normalidade posíbel
Nacional - 15 Mar 2020

Dada a situación de emerxencia sanitaria, vense de decretar o estado de alarma, que contén medidas de restrición de certos movementos.

Durante o tempo que dure esta situación, sempre que non se decreten medidas máis restritivas, os locais da CIG van estar abertos e funcionando coa maior normalidade posíbel. Malia o estado de alarma, os desprazamentos para acudir aos locais sindicais non están restrinxidos.

Agora ben, para evitar a difusión do virus que propiciou esta situación, pregámosvos a toda a afiliación e traballadores/as en xeral que precisedes da nosa atención adoptar as seguintes medidas preventivas:

  1. Para todas aquelas cuestións que sexa posíbel, contactar vía telefónica e/ou por correo electrónico, e só acudir aos locais en caso estritamente necesario.
  2. É preferible intentar resolver por teléfono ou vía dixital (correo electrónico, WhatsApp...) calquera cuestión que non precise un asesoramento presencial, evitando en todo o posible a presenza física nos locais.
  3. No caso imprescindible de ter que acudir aos locais deberanse adoptar as seguintes medidas:
  4. a) Acudir ao local unicamente a persoa que o precisa, sen acompañantes.
  5. b) Lavar as mans nada máis chegar ao local.
  6. c) Manter distancia coas persoas superior a 1,5m.
  7. d) Obrigado cumprimento de calquera indicación que se reciba por parte do persoal da CIG.

Entendemos as molestias que poidan causar estas medidas, mais o obxectivo non é outro que previr e defender a saúde pública.  Grazas a todos e todas pola vosa comprensión.

Todo este procedemento queda suxeito a calquera cambio ou variación que as autoridades poidan ditar.