Atentado contra a negociación colectiva no sector da construción

O TSXG estimou parcialmente a impugnación do convenio provincial por parte da patronal

Pontevedra -

A federación da Construción e Madeira da CIG recorrerá a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) que estimou parcialmente a impugnación do convenio provincial de Pontevedra por parte da patronal estatal do sector (CNC). Para a central sindical a sentenza do TSXG “vén lexitimar un auténtico atentado contra a negociación colectiva e senta un precedente moi negativo que poderá ser tomado como referencia no futuro”.

O convenio de Pontevedra mellora o estatal en cuestións laborais importantes como control da temporalidade na contratación ou permisos e licenzas, entre outros, e blinda a subrogación das actividades de conservación e mantemento de estradas ou vías férreas en aspectos tales coma o mantemento íntegro da antigüidade, que o novo convenio estatal pon en cuestión.

A CNC, ao impugnar o acordo, deixa provisionalmente en cuestión algúns dos dereitos e significativas melloras acadadas, tanto para as traballadoras/es, como para as propias empresas.

A CIG considera que a impugnación deste acordo entre os representantes lexítimos do persoal do sector da construción en Pontevedra e do seu empresariado é gravísimo e evidencia, con máis clareza que nunca, o intento de recentralizar a negociación colectiva.

Recurso contra a sentenza e mobilización

Por iso, advirte que non vai consentir ningún intento de deixar sen efecto o acordado no convenio provincial de Pontevedra e anuncia que, ademais de recorrer a sentenza do TSXG, porá en marcha unha campaña destinada a sensibilizar e mobilizar a clase traballadora galega “contra este ataque dirixido desde Madrid contra os seus intereses, mais tamén para que o empresariado reaccione contra unha patronal estatal que os menospreza até o punto de torpedear as súas propias decisións”.

A CIG fai un chamamento a actuar contra isto porque “a gravidade do acontecido sobarda a o ámbito da nosa central e merece a reacción de todos os axentes implicados na negociación colectiva, pois axiña poderán ser tamén vítimas deste ataque sen precedentes”.

Volver