Atento despide a dúas traballadoras que caeron enfermas "a causa das pésimas condicións laborais"

CIG e CGT mobilízanse en protesta "polos despedimentos, presións, abusos e agresións"
A Coruña - 23 Feb 2018

Traballadoras e traballadores de Atento mobilizáronse este venres diante das oficinas da empresa na Coruña en rexeitamento ao despedimento de dúas compañeiras que estiveran de baixa médica de curta duración. As agresións da empresa "están chegando ao absurdo de que podes perder o posto de traballo debido, por exemplo, a dous catarros, cando a nosa ferramenta de traballo é a voz", denuncian dende a Sección Sindical da CIG.

A representación da CIG acusa a empresa de recorrer ao artigo 52.d do ET para se desfacer, de xeito "depreciábel", das traballadoras e traballadores con baixas médicas de curta duración. Neste caso, ademais, unha das compañeiras despedidas é membro do comité de empresa na plataforma da Coruña. Para a CIG e a CGT -convocantes da protesta- "esta non é mais que outra forma de intimidar os traballadores e traballadoras que, por medo a perder o seu posto de traballo, acoden ao mesmo enfermas".

Así mesmo, acusan a empresa de ser responsábel en gran medida das incapacidades temporais "debido aos constantes abusos, presións e controis esaxerados que provocan un entorno laboral malsán e precario".

"Desfacerse de persoal molesto"

Lembran dende a Sección Sindical da CIG que nos meses anteriores Atento xa se desprendeu polo mesmo método de varias traballadoras máis. E mesmo tamén se produciron outro tipo de despedimentos -disciplinarios- "que na realidade non son tal, xa que se fundamentan en mentiras empresariais que non buscan máis que desfacerse de compañeiras e compañeiros “molestos” co obxectivo de reducir postos de traballo, sen superar o límite do que puidera ser un despido colectivo".

O vindeiro martes haberá paros laborais

Diante desta situación a CIG e CGT acordaron iniciar mobilizacións en protesta "polos despedimentos, as presións, abusos e agresións que Atento continúa a realizar cada vez con máis desprezo". A primeira concentración tivo lugar este venres e o vindeiro martes 27 de febreiro, está convocados paros laborais de unha hora por quenda de traballo (0:00 a 01:00h, de 12:00 a 13:00h e de 19:00 a 20:00h).