Atento presenta unha modificación substancial das condicións laborais mentres Telefónica deslocaliza o traballo

A medida "inxustificada e inxusta" afecta a 52 traballadoras/es que teñen redución de xornada e concreción horaria
A Coruña - 26 Out 2016
Traballadoras e traballadores de Atento mobilizáronse este mércores en contra da modificación substancial das condicións laborais presentada pola empresa, logo de Telefónica-Movistar anunciar un recorte do horario de atención do servizo 1004. A CIG acusa á multinacional de seguir na política de precarización do sector e entende que a modificación formulada por Atento "é inxusta, inxustificábel e unha fraude".

Deste xeito, o sector dos centros de chamadas continúa en loita, pois logo do ERE presentado por Extel, agora Atento (outra das empresas subcontratadas por Telefónica) pretende aplicar a partir do 1 de novembro unha modificación substancial das condicións de traballo que na Coruña afectaría a 52 persoas.

Dáse a circunstancia de que practicamente todo o persoal afectado ten redución de xornada e concreción horaria, e pasarían de estar na quenda de mañá a ter quenda partida. "Na práctica, Atento está obrigando a estas traballadoras e traballadores a deixar o seu emprego, porque ou coidan das súas fillas e fillos ou acoden a traballar", aseveran dende a Sección Sindical da CIG.

Neste senso, acusan a Telefónica de xogar cos empregos, xa que mentres anuncia este recorte de horario de atención do 1004, está deslocalizando o servizo a Colombia. "Pedimos que se nos xustificase por parte de Telefónica os motivos polos que non se continúa prestando o servizo dende as oito da mañá as doce da noite como era habitual, pero tanto Atento como Telefónica eludan dar unha explicación e non achegan ningunha documentación xustificativa", critica a Sección Sindical.

A CIG pide a nulidade da actuación, pois unha vez máis estamos ante as consecuencias das políticas de deslocalización de Telefónica, "que destrúe emprego, pasa por riba dos dereitos dos traballadores e manexa o sector ao seu gusto co único obxectivo de incrementar os beneficios".

Folga e concentración o venres 28 de outubro

O próximo venres, as traballadoras e traballadores están convocados a unha xornada de folga de 24 horas e a unha concentración, ás 20 horas, diante da tenda Movistar situada na Praza de Pontevedra.