Atinxido un preacordo para o convenio colectivo en Leche Celta tras 18 xornadas de folga

O pacto, que garante o poder adquisitivo dos salarios e contempla melloras laborais e socias, debe ser ratificado nas asembleas
Pontedeume - 08 Feb 2022

A representación do persoal e a dirección de Leche Celta SLU de Pontedeume chegaban a un principio de acordo a primeira hora da tarde deste martes, tras unha reunión de mediación que se prolongou durante máis de seis horas. Este achegamento prodúcese cando se cumpre a 18ª xornada de folga parcial que están sostendo os traballadores e as traballadoras da fábrica, que deberán ratificar este preacordo nas asembleas que se celebran esta tarde-noite.

O pacto acadado contempla un incremento salarial do IPC real no conxunto do convenio colectivo durante os anos de vixencia (2021-2024), cun tope do 4.5% máis as subas porcentuais correspondentes a cada exercicio. Deste xeito, explica Fran Cartelle, representante da CIG, conséguese a principal reivindicación do persoal a nivel económico: que se garanta o poder adquisitivo dos salarios.

Xunto a isto, lógranse melloras na retribución da nocturnidade, incrementar o prezo de todos os festivos traballados, reducir a xornada anual en oito horas e subir o abono dos festivos especiais (24, 25 e 31 de decembro e 1 de xaneiro) até os 120€, que terán cada ano o incremento correspondente ao convenio.

Así mesmo, equipáranse os permisos das parellas de feito cos de matrimonio e establécese por convenio que as licencias comecen a contar en día laborábel. Tamén se amplía a xornada de verán para o persoal administrativo e créase unha comisión para a reclasificación das categorías, o que suporá á súa vez un incremento nos salarios.

En canto ás pretensións empresariais de introducir un sistema retributivo ligado á produtividade e ao absentismo, esta sae do convenio e as partes quedaron emprazadas a crear unha comisión na que estudar a creación doutros complementos retributivos e a fixación dos seus parámetros.

Sen loita non hai mellora das condicións

Cartelle pon en valor que este acordo non sería posíbel sen a determinación e a forza das traballadoras e dos traballadoras para levar adiante unha folga que hoxe cumpre 18 días (9 xornadas de paro parcial alternos en xaneiro e 9 xornadas de folga parcial indefinida), e que rexistraron un seguimento do 100% malia as prácticas de esquirolaxe e os intentos de intimidación da empresa.

Engade que este conflito é exemplo de que a loita, a unidade e a mobilización son o único camiño para que se produzan avances substanciais nas condicións de traballo, e destaca a importancia fundamental de achegar a negociación colectiva aos centros de traballo para así implicar e organizar o persoal na negociación e ter a capacidade de presión suficiente para lograr convenios dignos.