Atrásase a sinatura do convenio de ambulancias ante a falta de acordo en aspectos laborais e sociais

O luns 1 de abril continuarán as negociacións para avanzar nas cuestións pendentes
Nacional - 26 Mar 2019

A xuntanza da mesa de negociación do convenio de ambulancias celebrada este luns remataba sen acordo. As partes ratificaron o relativo á suba salarial pero a patronal terá que elaborar unha nova proposta de incremento salarial para o persoal en prácticas e para a conversión en indefinidos dos contratos temporais. Medidas que para o responsábel do sector de Transporte da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, son esenciais para combater a precariedade laboral existente no sector. Así as cousas, o vindeiro luns, día 1 de abril, reunirase novamente a mesa de negociación para tratar de achegar posturas e asinar definitivamente o convenio.

Pastoriza explica que tampouco houbo acordo no relativo á fórmula de horas. “Aceptan facer o cálculo do prezo das horas de presenza multiplicando por 15 pagas (é dicir incluíndo a terceira paga), pero non así nas horas extras nin na nocturnidade”. Porén si considera un avance que a patronal aceptara que os salarios estean na conta dos/as traballadores/as antes do día 5 de cada mes e incluír unha nova redacción sobre o control horario que acordaron elaborar as organizacións sindicais.

Quedan pendentes cuestións relativas á prevención de riscos e que se aclare o cómputo dos días de asuntos propios. Ademais o protocolo para a muller embarazada que vai no apartado de prevención, está acordado incluílo pero hai que negociar o texto.

Suba salarial do 22%

Pastoriza salienta, en todo caso, o grande avance que supuxo xa o importante acordo económico ratificado polas asembleas e que supón un incremento salarial mínimo do 22% para o período de vixencia do convenio (contando subas anuais, a terceira paga extra e o cobro de todos os conceptos nas vacacións).

Un incremento que entende que “dignifica as condicións salariais no sector e a compensación con creces dos anos sen convenio colectivo” e que non tería sido posíbel “sen a ferramenta que supón a folga e a forza e unidade demostradas neste conflito”.

A folga segue suspendida pero non desconvocada. Decisión que non se adoptará até a sinatura definitiva do convenio.