Banco Santander presiona ao persoal para que se adhira "voluntariamente" ao ERE

A CIG denuncia tamén que a entidade quere pechar o centro de Santander Operaciones e despedir a 41 persoas
A Coruña - 04 Xul 2019

A CIG realizou este xoves unha concentración diante dunha oficina do Banco Santander na Coruña en protesta polas presións que a entidade esta a exercer sobre o persoal para "instalo" a que se adhira ao ERE, incumprindo así o compromiso de respectar a voluntariedade como principio fundamental da adscrición. Pero ademais, dende a sección sindical advirten que xa se está a preparar un novo recorte de emprego en Galiza, pois o Santander ten intención de pechar o centroOrillamar e despedir as súas 41 traballadoras e traballadores.

A secretaria da sección sindical, Rosa Conde, explicou que está aberto o período voluntario de adhesión ao ERE, pero dende o primeiro minuto "o departamento de Recursos Humanos iniciou un proceso de entrevistas a compañeiros e compañeiras, principalmente de estruturas de servizos centrais e estrutura intermedias e que non teñen ningunha intención de solicitar a baixa, para invitalas/os a marchar, mesmo dicíndolles que o Banco non conta con eles e con elas". 

As entrevistan repítense de maneira consecutiva e dende o Banco impídeselle ao persoal afectado que poida asistir a reunión acompañado da representación sindical, vulnerando así os seus dereitos. Conde subliña que este colectivo "constitúe un número reducido de traballadores/as e hai posibilidade de recolocar a todas aquelas persoas que non queiran saír do banco, porque a rede comercial é ampla e está moi necesitada de efectivos".

A CIG, que non asinou un ERE que supón o despedimento de 271 empregos en Galiza e o peche de oficinas nunha empresa que obtén beneficios multimillonarios e nos que as prolongacións indebidas de xornada son o habitual, advirte "que non vai permitir que ningunha persoa sexa obrigada a renunciar ao seu posto de traballo e continuaremos coas mobilizacións o tempo que faga falta".

En marcha un novo ERE nunha filial

Doutra banda, Rosa Conde xa alertou dun novo de recorte de emprego no Banco Santander, que onte mesmo abriu unha mesa de negociación dun ERE dentro do Grupo que afecta á súa filial Santander Operaciones. Esta empresa ten un centro de traballo na rúa Orillamar da Coruña que a entidade quere pechar e no que actualmente hai 41 persoas procedentes do antigo Banco Popular.

Conde lembrou que estes traballadores e traballadoras foran externalizados no ERE de servizos centrais de 2017. "Naquel momento a CIG xa dixo que este persoal podía ser perfectamente recolocado na rede comercial, pero o Banco non o fixo. Estaba claro que a pretensión era pechar o centro (o único que queda en Galiza de prestación de servizos centrais) e desfacerse dos traballadores/as".