O Santander usa o ERE para facer unha "purga laboral" entre as traballadoras con redución de xornada

Xornada de protestas da sección sindical da CIG na Coruña para esixir o cese das presións ao persoal
A Coruña - 04 Out 2019

A sección sindical da CIG no Banco Santander desenvolveu este venres na Coruña unha xornada de mobilizacións diante de varias oficinas da entidade para denunciar a política laboral do banco, pois malia asegurar que o principio da "voluntariedade" ía presidir esta nova regulación de emprego, na realidade "está presionando, coaccionando e mesmo ameazando" a determinado persoal (na maioría dos casos traballadoras acollidas a medidas de conciliación, como a redución de xornada por coidado de menores) para "instalo" a que marche. De xeito paralelo, a entidade rexeita de maneira sistemática moitas das solicitudes de adscrición voluntarias ao ERE presentadas polo persoal con máis de 55 anos. 

"Non existe a voluntariedade esa da que nos falaron o banco e as organizacións sindicais que asinaron o ERE. A realidade é que o Santander está seguindo criterios puramente económicos para aplicar o expediente e botar a unha serie de persoas previamente sinaladas", critica Rosa María Conde, secretaria da sección sindical da CIG. Explica que, no caso de Galiza, a sección sindical ten detectado que nesta fase do ERE (que afecta a rede comercial) preto do 90%  das persoas ás que o banco está chamando para que asinen a voluntariedade forzosa son  traballadoras (e nalgúns casos familias monoparentais) que teñen unha redución de xornada por coidado de fillos/as menores.

Diante desta "virulenta purga laboral", a CIG xa se dirixiu ao banco para que cesen de inmediato estas presións e os ataques aos colectivos vulnerábeis e presentou denuncia na Inspección de Traballo por discriminación. Xunto a isto, a central acordou iniciar mobilizacións para denunciar publicamente a realidade laboral no Banco Santander, de xeito que á xornada de protestas deste venres na Coruña, seguiralle outra similar o vindeiro 11 de outubro en Vigo.

O ERE poderíase cubrir coas solicitudes do persoal de máis de 55 anos

Conde reitera que "para que o Banco faga o que lle dea a gaña non facía falta que as centrais sindicais lle asinaran nada. Por iso, para evitar este tipo saídas forzosas, durante a negociación do ERE, dende a CIG pedimos un acordo de prexubilacións, acompañado dun acordo de renovación do cadro de persoal, que supoña novas incorporacións. Pero a empresa non aceptou a nosa proposta".

A este respecto, sinala que a día de hoxe, o número de saídas previstas no ERE podería estar cuberto coas persoas de máis idade que solicitaron libremente a súa baixa. Porén, o Santander ou non lles dá resposta ou directamente rexeita as peticións dicíndolles que son persoas que pertencen ao "colectivo sénior de valor", e que non poden prescindir dos seus coñecementos e experiencia. Malia estas bonitas palabras, na meirande parte dos casos están recolocando a estes empregados e empregadas en tarefas de caixa e atención á clientela.

Para Conde resulta evidente que esta negativa responde ao criterio económico na aplicación do ERE: "o banco ten un orzamento para acometer o expediente e decide que, co que lle custa despedir a unha persoa de máis de 55 anos, pode botar a dúas ou tres persoas menores de 40 ou de 30 anos". De feito, a comisión de seguimento pediulle ao banco datos sobre o número de solicitudes voluntarias reais existentes até agora, "pero a empresa non quixo facilitar esa cifra".

Unha maneira de proceder ruín

Para sección sindical esta maneira de proceder resulta "ruín e mesquiña" e está moi afastada da imaxe amábel e socialmente responsábel que o Banco Santander pretende transmitir. Ademais de chocar frontalmente coa bandeira do feminismo e de defensa dos dereitos das mulleres da que tanto gusta presumir a presidenta da entidade, Ana Botín.

A CIG lembra que ao remate da aplicación deste ERE (o segundo dende que o Santander adquiriu polo simbólico prezo de 1 euro ao antigo Grupo Popular e o cuarto no Santander en seis anos) estarán na rúa máis de 4.300 traballadores e traballadoras, o que supón case un 60% do total do persoal herdado do Popular.