Basta xa de xenocidio contra o pobo palestino!

A CIG chama a participar nas accións de protestas convocadas para os días 14 e 18 de maio

Internacional -

O pobo palestino está a sufrir un flagrante ataque da ocupación sionista, coincidindo coa conmemoración do 54 aniversario da ocupación de Xerusalén Leste polo estado terrorista sionista. Unha campaña masiva de limpeza étnica e un ataque sistemático xeneralizado, perpetuado en Xerusalén por extremistas fascistas que contan co apoio do exército ocupante, no seu asalto ás persoas residentes de Xerusalén e aos seus lugares santos islámicos e cristiáns.

O barrio Sheikh Jarrah, cuxos veciños e veciñas son expulsadas ​​e asaltadas a diario, está a soportar o ataque máis agresivo. Mentres tanto, os barrios de Xerusalén e de toda Cisxordania asisten a unha expansión sen precedentes dos asentamentos israelís, fronte ao silencio e á complicidade dos estados hipócritas e das institucións das Nacións Unidas.

O pobo palestino está a sufrir xenocidio e limpeza étnica. Afronta ataques contra a súa terra, a súa identidade e a súa cultura, que son crimes contra a humanidade que deben ser detidos de inmediato. A entidade sionista e as bandas fascistas racistas violan os principios humanos máis básicos. A maquinaria israelí de guerra e destrución está dirixida a civís, nenos e mulleres en todos os territorios palestinos ocupados, especialmente en Gaza, con bombardeos case diarios. Ao mesmo tempo, máis de 6 millóns de persoas do pobo palestino víronse na obriga de vivir durante décadas en refuxios, na diáspora e no exilio, mentres que máis de 5.000 prisioneiros, incluídos nenos, languidecen nos centros e campamentos de detención.

A CIG asiste con alarma, indignación e preocupación a todas estas atrocidades cometidas contra o pobo palestino, sobre todo en Gaza e en Xerusalén, e á impunidade coa que Israel segue nesta escalada. O pobo palestino necesita xa ser liberado da ocupación e o apartheid ás que Israel o está sometendo. Xa é hora de que as institucións Internacionais e os estados occidentais poñan freo aos seus crimes.

É por iso que a CIG participa de todas as iniciativas de apoio e solidariedade que se veñen desenvolvendo e se van convocar para os vindeiros días, tanto a nivel internacional, compartindo o manifesto da Asemblea Internacional dos Pobos, como no noso país, especialmente a través da Plataforma “palestina.gal”, da que a central forma parte.

Neste senso, o mes pasado a través da plataforma solicitouse dos grupos políticos do Parlamento Galego un pronunciamento de condena á situación dos presos e presas políticos/as palestinos/as nos cárceres de Israel, e solicitouse unha Declaración Institucional, coincidindo co aniversario da Nakba. Esta declaración saíu adiante no pleno deste mércores por acordo unánime da cámara galega.

Chamamento a participar nas accións reivindicativas

Dende a CIG tamén apoiamos e chamamos a participar no acto que, con este motivo, se celebrará este venres, 14 de maio, na Praza 8 de Marzo de Compostela (entrada Rúa de San Pedro), na que se simulará un Check Point, como os que a poboación palestina sufre a diario para moverse no seu propio territorio. O acto está organizado por organizado por “Pallasos en Rebeldía” e a Plataforma “palestina.gal”. De igual chámase a participar nas concentracións que se convocarán o vindeiro día 18 de maio en varias cidades e vilas do país.

PALESTINA VENCERÁ

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2021

Relacións Internacionais CIG

Volver