Batería de propostas da CIG-Ensino á Resolución sobre a xornada semanal do profesorado para o curso 26/27

Solicita unha nova mesa sectorial para continuar a negociación pero a Consellaría só se compromete a revisar estas achegas
Nacional - 13 Mai 2026

A CIG-Ensino vén de presentar unha batería de propostas á Resolución sobre a xornada semanal do persoal docente para o curso 26/27, froito das achegas do profesorado. O sindicato reclama, ademais, unha nova mesa sectorial para continuar a negociación pero a consellaría só se compromete a revisar as propostas presentadas.

Entre as principais reclamacións destacan a recuperación do horario das 21 horas para o corpo de mestras, as reducións por titorías e coordinacións e a actualización da dedicación horaria dos equipos directivos dos centros de infantil, primaria e educación especial.

Respecto do horario de Secundaria, FP e ensinanzas de réxime especial incidiuse na recuperación sen excepcionalidades das 18 horas lectivas, unha compensación para os centros nos que as sesións duran 60 minutos, blindar a redución horaria da titoría, recuperar a hora de reunión de departamento, manter as condicións actuais para a xefatura de departamento e as coordinacións de dinamización da lingua galega e FCT dado que o novo texto supón un retroceso e que se inclúa a formación de todo o profesorado dentro do horario lectivo. 

Oportunidade perdida

A CIG-Ensino lamenta que se perdera unha nova oportunidade para “recuperar os dereitos que nos roubaron, as 21 horas en primaria e as 18 en secundaria e outras ensinanzas, e que mesmo se empeore respecto á situación actual na dedicación horaria de moitas coordinacións e das xefaturas de departamento”, tal e como sinalou a súa secretaria nacional, Laura Arroxo ao remate da Mesa Sectorial na que se analizou o texto da Resolución pola que se ditan instrucións sobre a xornada semanal do persoal docente no curso académico 2026/2027.

En todo caso, calquera mellora ten que ir acompañada de aumento de profesorado, para que sexa real e efectiva, e que non ocorra o que supuxo a redución horaria no corpo de mestras que trouxo unha merma da calidade da atención educativa sobre todo do alumnado máis vulnerábel” explicou, engadindo que “por iso pedimos uns criterios claros para o estabelecemento dos cupos dos centros de secundaria, bacharelato e FP que se conforman durante o mes de xullo e se materializan en setembro. Ao inicio de curso saberemos se é certo que se cumpre o que di o documento porque a rebaixa ás 18 horas tería que supoñer un incremento de persoal en case todos os centros e a CIG-Ensino fará un seguimento moi exhaustivo de que isto sexa así”. 

Arroxo comezara a súa intervención na Mesa lamentando que este documento fora presentado como “pechado” ante os medios de comunicación e mesmo ante os equipos directivos das catro provincias antes desta reunión. “Unha verdadeira Mesa de negociación comezaría hoxe, ben sobre este documento ou sobre outra nova proposta, e incorporaría algunha das centos de achegas que nos fixo chegar o profesorado. A CIG-Ensino pediu expresamente continuar con esta negociación e convocar outra reunión para avanzar neste documento. A Consellaría non confirmou que convocaría outra mesa sectorial e simplemente dixo que analizaría algunha das cuestións que plantexamos. Isto demostra que o presidente Rueda mentiu deliberadamente ao acusar á CIG de non querer negociar, engadiu. 

As grandes ausencias do documento 

Na intervención da CIG-Ensino durante a negociación tamén se destacou que este documento non teña vocación de permanencia e se presente só para o vindeiro curso académico. Ademais salientouse todo o que se bota en falta a respecto das reclamacións da comunidade educativa e do profesorado que levaron a que este fora o curso máis conflitivo das últimas décadas con seis xornadas de folga docentes, o maior número de días de todo o Estado no que vai de curso. Neste sentido, o sindicato sinalou como elementos fundamentais que deben ser abordados: 

-   Baixada de ratios no primeiro curso de todas as etapas a partir de setembro deste ano e non agardar a que estas se vaian acomodando á demografía.

-   Sobre os anuncios relativos á maior dotación de persoal para atender á diversidade, de novo antes na prensa que na Mesa de negociación, concreción sobre o número de especialistas e de persoal orientador que se incorporaría ao ensino público e garantía de estabilidade coa convocatoria destas prazas como definitivas nos centros no Concurso Xeral de Traslados.

-   Sobre o anuncio de que se prevén actualizar os catálogos dos centros de infantil e primaria do ano 2007 para setembro do curso que vén, algo totalmente imposíbel ao estar xa a mediados de maio, iniciación canto antes das negociacións nesta Mesa Sectorial.

-   Plan real de redución da burocracia que inclúa  medidas concretas que eliminen trámites á marxe de anuncios propagandísticos e de investimentos millonarios en plataformas informáticas.

-   Redución do horario lectivo para maiores de 55 anos contemplada na LOE e aplicada xa en moitas comunidades.

-   Novo acordo retributivo cun incremento do complemento autonómico para todo o profesorado.

-   Recuperación do cobro do pagamento do verán para o persoal substituto que traballe cando menos 5 meses e medio.

-   Fin da discriminación salarial do profesorado especialista de sectores singulares da FP.