Bershka obriga ás traballadoras a recorrer á xustiza para que se recoñeza o seu dereito a conciliar
O pasado luns, día 5 de decembro, traballadoras de Bershka concentrábanse diante dos xulgados de Compostela para denunciar os problemas que teñen para ver recoñecido o seu dereito á conciliación. A protesta coincidía coa celebración dun xuízo pola negativa de Inditex a recoñecerlle e facilitarlle a unha compañeira a concreción de xornada.
Segundo explica Carmiña Naveiro, presidenta do comité provincial de Zara e representante da CIG-Servizos, desde que entrou Marta Ortega se endureceron os departamentos de Recursos Humanos. “Sempre tivemos que ir ao xulgado para reclamar a redución de xornada pero había unha diferenza, cando a traballadora xustificaba a necesidade, a empresa cedía”.
Naveira sinala que, porén, agora non é así. “Os propios departamentos de Recursos Humanos son os que che convidan a recorrer ao xulgado, co cal xa non prestan nin atención á documentación que podes aportar”.
Así as cousas, a traballadora cuxa demanda se xulgaba o luns e da que están á espera de sentenza, tratou de xustificar a súa solicitude alegando que a súa parella traballaba todo o día, pero nin así lle deron un horario pactado satisfactorio para ambas as partes. A isto súmase que é unha traballadora “volante” que cobre por todas as tendas da provincia as necesidades de persoal. “Pode estar pola mañá en Ferrol e pola tarde na Coruña, ou ao revés e a empresa dille que ao ser volante non poden darlle o horario de mañá”, apunta a representante da CIG, quen indica que “ela pediu que lle deran ese horario na súa tenda orixe, ou en calquera tenda de Santiago, e a empresa, malia isto, mantivo a súa negativa”.
Penalización económica
Naveiro explica que o único que lle ofreceu a empresa foi reducir aínda máis o tempo de traballo, perdendo a traballadora máis salario, “alegando que nas tendas de Santiago non hai ningún oco, canto todas sabemos que na cadea Bershka existe unha grande carga de traballo”. Isto coa agravante de que aínda que reducira a xornada dentro do seu horario volante seguiría persistindo o problema porque o tempo de desprazamento non se computa como tempo efectivo de traballo.
Así as cousas, no xuízo a empresa presentou unha nova oferta ofrecendo como lugar de traballo a tenda de Bershka na praza de Lugo, na Coruña, ou que se reducira moita máis a xornada, ou sexa, “sempre a custo dela”.
Marta Ortega “ten canguro”
Carmiña Naveiro lembra que a actual presidenta do Grupo Inditex, Marta Ortega, ten unha media de idade como a que poden ter a maioría das traballadoras e que tamén é nai. Denuncia que, porén, “permite que se actúe deste xeito na súa multinacional. Claro que Marta Ortega non terá problemas para conciliar porque se pode permitir pagar unha coidadora. Por iso escollemos para a pancarta “Marta Ortega ten niñera, nós non”, porque o salario das traballadoras non dá para iso”.
Se ben este caso concreto se refire á cadea Bershka, Naveiro sinala que non é unha situación illada senón que “se repite, por desgraza, en xeral en todo o grupo e cada vez vemos máis”. Matiza ademais que a redución de xornada “sempre é unha penalización económica para a traballadora que a solicita, cando é unha necesidade real conciliar porque os nenos non se crían sós, ten un custo maior estando en Bershka que en Massimo Dutti, na que as porcentaxes son maiores, polo que estaría dobremente castigada”.
Neste sentido explica que “o salario base nas distintas firmas da cadea é igual, pero as comisións non, porque cada cadea factura de diferente maneira e non é o mesmo vender un abrigo de entre 150 a 400 euros que dunha marca low cost”.
Lembra que a maioría do persoal das tendas son mulleres, traballan a xornada parcial e aínda por enriba, se piden unha concreción horaria por coidado de menor a empresa dilles que non, que teño que reducir aínda máis a xornada e perder cartos. “Gábanse de favorecer a conciliación da vida laboral e familiar, cando a realidade desmente esa afirmación”.
Por iso Naveiro conclúe que “aquí hai un problema de responsabilidade social por parte dunha multinacional como INDITEX, máis nunha sociedade como a nosa, na que temos un gravísimo problema demográfico, porque ninguén se preocupa por iso e aínda se penaliza dobremente ás mulleres por ser nais e traballadoras”.