O BNG recolle as reivindicacións da CIG para a folga xeral do 11 de novembro polo dereito a unha vida digna
Unha delegación de ambas organizacións mantivo un encontro para abordar a necesidade da mobilización social
A CIG mantivo un encontro este martes cunha delegación do BNG para trasladarlle os motivos da convocatoria da folga xeral do 11 de novembro e as principais reivindicacións da central nacionalista para esta xornada de loita colectiva. Na reunión, celebrada a instancias do BNG, analizouse o contexto socio-político actual e avaliouse a necesidade da mobilización para reclamar medidas alternativas que garantan unha vida digna para a maioría social.
Na comparecencia posterior aos medios, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, acompañado pola voceira nacional do BNG, Ana Pontón, instou o conxunto da clase traballadora galega a secundar a folga xeral e participar das mobilizacións que a central convocará nas distintas cidades e vilas durante esa xornada porque “cada día que pasa son máis as razóns para que o 11 de novembro todo pare”.
Carril defendeu que a convocatoria desta folga xeral “é a resposta necesaria” ante a grave situación de carestía da vida e de aumento da pobreza laboral “que esgana ao conxunto do pobo galego”. De aí que o lema escollido sexa “Galiza en loita por unha vida digna”, para evitar que a clase traballadora galega “paguemos, máis unha vez, esta nova crise, cando outras políticas públicas son posíbeis, como dende a CIG vimos defendendo coas Propostas por unha Galiza con Dereitos, Traballo Digno e Igualdade”.
O custe da vida non para de medrar e os salarios non chegan
O secretario xeral lembrou que, en setembro, o IPC galego xa se situou no 5,5%, o máis alto do Estado español, pero mentres a maioría social se empobrece e ten dificultades para chegar a fin de mes, “as empresas do IBEX-35 fulminan resultados”. Dende o ano 2017 até hoxe, os beneficios empresariais incrementáronse nun 61% mentres os salarios apenas medraron un 24%.
Un incremento salarial que nin sequera iguala a suba xeral dos prezos, que foi do 25%, pero que se disparou naqueles bens e servizos básicos como os alimentos (41%), os carburantes (67%), a electricidade (cuxa alza no mercado maiorista foi do 184,5% e do 29,8% na factura doméstica), ou a vivenda. Neste período, apuntou, o custe dos alugueiros elevouse un 60,8%, pasando de media dos 385 euros ao mes até os 619 euros. A evolución no prezo da vivenda libre non quedou atrás, subindo de media o 39%, mais chegando até o 79% nas cidades galegas.
Á esta alza da carestía súmaselle a extensión da precariedade laboral co aumento da contratación a tempo parcial e fixa-descontinua, dúas modalidades estrela da reforma laboral de 2021 -“que non derrogou a aprobada polo PP en 2012”-, que xunto co fomento das ETT “impide ter un soldo estábel e un traballo digno”.
Toda esta realidade, aseverou Carril, “provoca un ‘cóctel molotov” que chama á loita, á mobilización e á folga”. “Porque como dicimos na CIG, sen conflito non hai paraíso e o tempo que perdemos en ir á loita é o tempo que tardamos en gañar dereitos”.
A este respecto, incidiu en que a folga xeral tamén é a resposta necesaria contra a patronal, na lóxica mobilizadora que a CIG leva meses sostendo en moitos convenios colectivos para exixir melloras salariais e nas condicións de traballo. A propia patronal galega afirmou no mes de agosto que Galiza acumula a porcentaxe de folgas e mobilizacións máis elevadas do Estado.
Cómpre un Plan de Choque urxente
Sobre as responsabilidades políticas do Goberno galego e do Goberno español, o secretario xeral considerou que esta folga xeral constitúe “a reacción obrigada” para demandarlles a posta en marcha inmediata dun Plan de Choque con medidas urxentes para garantir o poder adquisitivo dos salarios e elevar, dunha vez, o SMI até o 60% do salario medio, que no ano 2026 debería terse situado nos 1374 euros/mes; que permita o acceso aos alimentos e servizos básicos; ter unha casa onde vivir; e poder pagar a luz, os combustíbeis e ter transporte público gratuíto.
Por todos estes motivos, concluíu, cómpre secundar a folga xeral, parar todo o día 11 de novembro e intensificar a loita en Galiza “por unha vida digna, porque outras políticas públicas son posíbeis”.
O BNG chama tamén á mobilización masiva
Pola súa banda, a voceira nacional do BNG recolleu as demandas da CIG e trasladou o apoio da súa formación á convocatoria de folga xeral. Ana Pontón advertiu do deterioro das condicións de vida das galegas e galegos pola elevada carestía e os baixos salarios e pensións e lanzou un chamado á mobilización masiva polo dereito a unha vida digna.
Rexeitou que sexan as clases populares as que máis unha vez paguen as consecuencias da crise e que por enriba dende o PP se lle estean pedindo sacrificios mentres o Goberno galego anuncia rebaixas de impostos a quen máis ten, ás grandes eléctricas ou ás grandes construtoras.
Criticou as promesas incumpridas do presidente Rueda en materia de vivenda ao tempo que se nega a tomar medidas que permitirían controlar os prezos e favorecer o acceso a unha vivenda e lamentou que o Goberno español, malia cualificarse como o máis progresista, non fose quen de derrogar a reforma laboral de 2012 ou lexislar para impedir de maneira efectiva os despexos.