Bombeiros/as de Vigo piden repetir oposicións ao conter preguntas sen relación co temario nin co posto

Os afectados/as presentaron máis dun cento de reclamacións
Vigo - 08 Nov 2018

Representantes sindicais da CIG e CCOO nos bombeiros/as do Concello de Vigo ofreceron hoxe unha rolda de prensa para denunciar o “despropósito” do exame teórico das oposicións celebradas o pasado domingo, que incluíu preguntas sen relación co temario nin co posto de traballo en cuestión. Entenden que a proba debera repetirse “por coherencia” e agardan que o tribunal atenda o máis dun cento de reclamacións individuais e colectivas presentadas polos/as afectados/as co apoio das dúas centrais.

Na comparecencia diante dos medios de comunicación trasladaron o malestar existente tanto entre os opositores/as como entre o persoal do parque de bombeiros/as vigués polo “desproporcionado” número de preguntas “sen relación co temario nin co posto de traballo”, xa que das 50 que incluía o exame preto de 20 eran de física ou química dun nivel superior á categoría da praza, neste caso C2.

“Entendemos que a proba debera ser coherente coa praza á que se oposita, xa que do contrario o único que se consigue é frustrar as persoas que se presentan e impedir que se poidan cubrir os postos necesarios no parque vigués, que conta cunha media de idade moi elevada e con escaseza de persoal”. De feito, dos 290 aspirantes a 10 prazas unicamente 19 aprobaron o exame, e aínda faltan por celebrarse as probas físicas. 

Das 290 persoas aspirantes a un total de 10 prazas unicamente aprobaron 19

Explican que entre os opositores/as atopábanse persoas doutros puntos do Estado (como Madrid ou Sevilla) -onde a praza de bombeiros/as é de categoría C1- que lograron superar as exames teóricos noutras ocasións a pesar de que as probas para acceder son máis esixentes pero que na de Vigo non só suspenderon “senón que nalgúns casos obtiveron unha cualificación que non superou o 2”.

Ao mesmo tempo, lamentaron que con procesos deste tipo “desvirtúase” o servizo público que representa o corpo de bombeiros/as, “xa que o que precisamos é xente que coñeza a que se debe cando accede ao posto”. Lembran que tanto os sindicatos como as plataformas de bombeiros/as están de acordo en esixir oposicións transparentes, coherentes e homoxeneizadas e nas que as bases se consensúen.