Bombeiros da CIG demandan que o servizo sexa público e de xestión directa

Reclaman que estea formado por funcionarias/os e que se lles recoñeza o exercicio de autoridade

Nacional -

“Non se pode facer negocio cun servizo público”, denuncia Fernando Solveira, representante da CIG no parque de bombeiros de Vigo. E así o defenderon as e os bombeiros da central sindical que se desprazaron este sábado a Madrid para demandar que os servizos de bombeiros sexan públicos, de xestión directa e formados por funcionarios no exercicio de autoridade.

Solveira lembra que unicamente os sete parques de bombeiros das sete grandes cidades de Galiza, dos máis de 30 parques existentes no país, están baixo xestión pública. Por iso explica que desde a CIG queren que se preserve o seu carácter público e que se rescaten os que están privatizados.

Xunto a isto demandan que as traballadoras e traballadores dos servizos de bombeiros sexan funcionarias/os que accedan por un procedemento selectivo público rexido polos criterios de “igualdade, mérito e capacidade” e exixen tamén que se lles recoñeza “autoridade”.

O representante da CIG denuncia que o PP fixo de Galiza un laboratorio e iniciou o proceso de externalización e, xa que logo, privatización, deste servizo de emerxencias. “Un proceso que agora intentan exportar a outras comunidades” e que considerou que “é preciso reverter”.

Volver