Bombeiros de Vigo denuncian o traslado a unha sede provisional que non cumpre os requisitos
Delegados de prevención de riscos laborais dos sindicatos con representación nos bombeiros de Vigo presentáronse a primeira hora da mañá nas antigas oficinas da depuradora do Lagares para comprobar que se estaba a facer o traslado de material dende o parque de Balaídos, que dende hoxe mesmo deixa de estar operativo.
Alí mesmo compareceron diante dos medios de comunicación para denunciar tanto o traslado como o xeito de facelo: sen ningún tipo de información e a unhas instalacións baleiras, sen mobiliario, sen cociña, sen camas e sen sistema de comunicacións. O parque provisional tampouco está sinalizado e non conta con zona acondicionada para vehículos nin con medidas de tráfico para facilitar a entrada e a saída con seguridade.
E o que é máis grave, as instalacións están situadas a carón dunha zona de especial protección ambiental como a desembocadura do río Lagares, e non contan con sistemas para evitar verquidos. “Como bombeiros e como persoas concienciadas co coidado da natureza non podemos permitilo, porque aquí vanse lavar vehículos e materiais altamente tóxicos, sen que exista un sistema para recoller os verquidos, polo que van rematar nas marismas da desembocadura do río, que é unha zona de máxima protección ambiental”, asegura Miguel Uclés, delegado da CIG.
Sen os informes preceptivos
Uclés lembrou que precisamente as instalacións foron sufragadas con fondos da Unión Europea para preservar o medio ambiente, “non para ubicar un parque de bombeiros, xa que ademais non reúnen as condicións necesarias para este tipo de uso”. Tamén lamentou que o Concello non informase do cambio nin os sindicatos nin os traballadores/as. “Están a facer todo nun día, con total improvisación e sen preparación de ningún tipo”.
Ademais, fixo fincapé en que os responsábeis municipais non contan cos informes preceptivos que xustifiquen o cambio de uso. “Din que é un traslado provisional mentres non se leva o parque á súa ubicación definitiva, pero o mesmo se dixo no seu día co de Balaídos e ao final estivemos 35 anos alí”.
Para o representante sindical o que está acontecer é un exemplo máis do “desprezo absoluto” do alcalde polo servizo de bombeiros, como demostra a falta de persoal crónica que padece e que pon en risco tanto a seguridade dos propios traballadores como da veciñanza no seu conxunto. En canto aos motivos do traslado, sinalou a “guerra de egos” entre o rexedor e o presidente do Celta, xa que o baleirado das actuais instalacións de Balaídos tería que ver cos traballos de mellora das gradas.