Bombeiros forestais de Pontevedra e Compostela mobilízanse contra a precariedade laboral

Seguen a ser contratados só 6 meses ao ano, reducindo a operatividade do servizo público
Nacional - 23 Set 2021

Bombeiros e bombeiras forestais do Servizo de Prevención de Incendios Forestais da Xunta de Galicia (SPIF) de Pontevedra e Compostela concentráronse esta mañá diante da consellaría de Medio Rural, en San Caetano, para denunciar a gravísima precariedade laboral e inseguridade xurídica que están a padecer.

Así o denunciaron no decurso da mobilización na que aseguraron que seguen a ser contratados soamente durante 6 meses ao ano o que, ao seu entender, “atenta directamente contra a profesionalización do dispositivo, impide acadar os obxectivos de prevención de incendios forestais e reduce a operatividade dun servizo público de emerxencias esencial para a defensa dos intereses das galegas e galegos”.

Con esta concentración dábase continuidade ás mobilizacións convocadas ao longo desta semana polos comités provinciais, que veñen denunciando como a Xunta de Galicia esquece a máis de 600 traballadores e traballadoras fixas descontinuas de 9 meses, que tras más de 12 anos seguen a esperar a ampliación do tempo de traballo dos seus contratos.

Unha situación tanto máis preocupante canto que, segundo explicaron, nestes intres, en pleno período de alto risco de incendios, son numerosas as prazas vacantes sen cubrir, o que engadido a non cobertura de incapacidades temporais, permisos ou licencias, segue a provocar unha diminución da capacidade de resposta do dispositivo.

Grave inseguridade xurídica

Xunto a isto chamaron a atención sobre a grave inseguridade xurídica que está a padecer o persoal por culpa da neglixente actuación da Consellería do Medio Rural e da Dirección Xeral da Función Pública.

Neste sentido explicaron que “levan meses concedendo adscricións temporais soamente ate o 30 de setembro, cando o convenio colectivo establece, con carácter xeral, que serán por un ano prorrogable por outro, o que pode provocar tanto a perda do posto en adscrición no medio da época de alto risco, como o despedimento dos traballadores que están a cubrir de xeito temporal ás prazas de orixe destes compañeiros”.

Rexeitan ademais as prácticas postas en marcha o ano pasado dende a Secretaria Xeral Técnica desta Consellería, que no seu afán de reducir custos de persoal a costa da operatividade do servizo, está a impedir a prorroga ou novacións das adscricións temporais. Ao que engaden as novas limitacións impostas ao persoal temporal, que tamén rexeitan.

Sentenzas recoñecendo o dereito ás adscricións de persoal temporal

Tras as numerosas sentencias acaídas recoñecendo o dereito ás adscricións do persoal temporal, e tras a instrución recentemente emitida por Función Pública regulando dito dereito, os comités aseguran que agora “estanse a denegar en determinado casos có ridículo argumento de que están a estudar a posible afectación do Decreto de Estabilización aprobado polo Parlamento a este dereito”.

Fronte esta situación reclaman, de conformidade coas sentencias do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TJUE), a negociación e convocatoria dunha consolidación real dos postos de traballo de máis de 1.000 traballadores e traballadoras do SPIF, que tras anos de contratos temporais, están obxectivamente en situación de abuso da temporalidade.

Lembran que neste ano se suman á bolsa xa existente de traballadores/as en abuso da temporalidade no SPIF, outros máis de 500 traballadores/as fixos/as descontinuos/as de 6 meses contratados no ano 2018, cuxas prazas non foron obxecto de ningún tipo de oferta pública de emprego mentres a Función Pública Galega mira para outro lado.

Por iso reclaman a Medio Rural a  ampliación do tempo de traballo de todas ás prazas fixas descontinuas de 6 e 9 meses, até acadar os 12 meses de contrato; a cobertura de todos os postos de traballo vacantes; o  mantemento e renovación das adscrición temporais e a  consolidación real dos postos de traballo do persoal en abuso da temporalidade de conformidade coas directivas europeas.