Bombeiros forestais reclaman que Bruxelas obrigue ao Estado español a recoñecer a súa categoría en todas os dispositivos

A PASBF presentou unha ponencia aos grupos da eurocámara explicando a situación laboral e demandando un cambio de modelo
Compostela - 18 Out 2016

Representantes da “Plataforma de Asociacións e Sindicatos de Bombeiros Forestais” (PASBF), do que fai parte a CIG-Administración Autonómica, presentaron en Bruxelas –convidados polo grupo de Esquerda Europea_ unha ponencia a todos os grupos da eurocámara na que, ademais de demandar un cambio de modelo no sistema de prevención e extinción de incendios, exixen unha directiva europea que obrigue a recoñecer a categoría de bombeiro forestal en todos os dispositivos do Estado.

A ponencia defende un cambio de modelo no sistema de prevención e extinción de incendios forestais para adecuarse á nova realidade do cambio climático e á nova tipoloxía de lumes forestais e urbano-forestais que se producen a día de hoxe. Así como un cambio de modelo de prevención de incendios.

As e os representantes da PASBF, entre os que estaba en representación da CIG Manuel Martínez, puxeron tamén en coñecemento do Parlamento Europeo a elevada precariedade contractual que padecen as e os traballadores do sector “xa que en boa parte do territorio español os servizos de prevención e extinción de incendios teñen contratados a maior parte dos efectivos que conforman o dispositivo en situacións precarias”.

A PASBF exixiu unha directiva europea de obrigado cumprimento para a aplicación da categoría profesional Bombeiro Forestal a todos os dispositivos do Estado. A este respecto a Plataforma subliña que cando un estado membro da UE ten lexislación sobre calquera tema e non a está aplicando pódese, desde Europa redactar unha directiva  europea de obrigado cumprimento para a aplicación da normativa estatal que non se está aplicando.

Para a PASBF este é un obxectivo estratéxico ca que entende que “no est6ado español non se está aplicando correctamente a lexislación concernente ao noso traballo”.

Xunto a iso tamén se solicitou estabilidade laboral para as e os traballadores xa que “todos nós pertencemos ao servizo de emerxencias como vén reflectido no artigo 17 da nova lei d eprotección civil do 15/10/2015”.