Brasil: Persecución a Lula é o “golpe branco”

Emir Sader -

Atacar a Lula é parte integrante dos intentos de “golpe branco” que os novos axentes ditatoriais intentan impoñer ao país. Estes necesitan ser derrotados en todos os planos, porque a democracia brasileira non sobrevivirá con eses axentes dunha nova ditadura

 O último intento de golpe militar en América Latina non resultou. Foi en contra de Hugo Chávez, en 2002. Este foi secuestrado por mandos militares, levado a unha illa, isolado, mentres o daquela presidente da asociación de empresarios asumía a presidencia, acarón dos propietarios dos medios venezolanos, nunha festa típica das oligarquías golpistas latinoamericanas.

 Mais a festa durou pouco. Así que o pobo soubo o que ocorría, tomou o palacio, expulsou o presidente da asociación de empresarios, así como os donos dos medios. O máis breve presidente de Venezuela tivo que abandonar o palacio e o país, mentres que Chávez volvía á presidencia nos brazos do pobo.

 A partir daquel momento a dereita latinoamericana adheriu a formas de “golpes brancos”. Valeuse de procesos políticos incipientes, con algunhas medidas anti-neoliberais, pero aínda sen unha configuración plenamente definida, sen apoio parlamentario, para derrubar os seus líderes. Sucedeu así con Manuel Zelaya en Honduras, con Fernando Lugo en Paraguai.

 Con acusacións sen fundamento, pero intensamente difundidas polos medios, xeraron un clima favorábel á votación do impeachment [destitución] dos presidentes. No caso de Zelaya, co seu secuestro e traslado cara a Costa Rica. En ningún dos dous casos as acusacións foron comprobadas, pero a operación xa estaba feita e aprobada pola xustiza dos dous países. Os “golpes brancos” estaban dados.

 Os “golpes brancos” foron condenados amplamente, no límite de que os seus gobernos foron suspendidos dos organismos internacionais a que pertencían -OEA, Mercosur, Unasur -, até que a legalidade institucional fose restablecida, con novas eleccións. Mesmo porque hai unha entendemento consensuado no continente de non recoñecer a gobernos que asuman rompendo a legalidade por medio de golpes de Estado, aínda os considerados brancos. As eleccións realizáronse neses países, pero os candidatos apoiados polos líderes depostos non lograron triunfar, até por eleccións con fraude, no caso de Honduras. No caso de Paraguai, a división das forzas que apoiaran a Lugo dificultou tamén un triunfo electoral. Non hai así condicións para que “golpes brancos” sexan aceptados no consenso político democrático en América Latina.

 Brasil é un caso típico de derrota da oposición en eleccións plenamente recoñecidas polas súas participantes, en que a oposición insiste en buscar pretextos para un impeachment da presidenta Dilma Rousseff. Non atoparon ningún pretexto, pero insisten no intento, como forma de sangrar o goberno e de prolongar a inestabilidade política no país.

 Así mesmo, non abondaría á oposición con lograr eventualmente derrubar a presidenta cun impeachment, porque en novas eleccións o favorito é Lula. Por iso é polo que forma parte do “golpe branco” buscar sacar a Lula da disputa electoral, mediante acusacións igualmente sen fundamento, pero contando con sectores do órgano xudicial que manobra para argallar probas, con medios a servizo do golpe e cunha Policía Federal que se somete a operacións brutais de coacción de forma arbitraria.

 Por iso a defensa de Lula volveuse non só a defensa do máis grande líder popular e democrático que Brasil endexamais tivo, senón tamén a loita en contra do “golpe branco” e a defensa da democracia no país. Atacar a Lula é parte integrante dos intentos de “golpe branco” que os novos axentes ditatoriais intentan impoñer ao país. Estes necesitan ser derrotados en todos os planos, porque a democracia brasileira non sobrevivirá con eses axentes dunha nova ditadura. Brasil necesita de líderes lexitimados polo apoio popular, cuxa presenza na vida política cotiá fortalece a democracia e fai renacer a esperanza de que Brasil poida retomar a vía do desenvolvemento económico con distribución de renda, que tanto ben fixo ao país e aos brasileiros.

 

[Artigo tirado do sitio web ‘América Latina en Movimiento’, do 12 de marzo de 2016]

Volver