Brasil: Prefacio para unha desfeita

Atilio A. Boron -

Cando remate o proceso electoral e se constitúa a Cámara de Deputados moi probabelmente Bolsonaro e os seus aliados cheguen a controlar os dous terzos dos votos. Con eles poderán introducir unha serie de reformas hiperretrógradas na Constitución de 1988. Unha delasvai ser a criminalización do activismo social e das organizacións sociais

 Haberá que loitar até o final, mais a vitoria de Jair Bolsonaro semella xa a crónica dunha morte anunciada. E a palabra morte está ben usada porque iso é o que representa este personaxe da “lumpen-política” que durante case 28 anos pasou desapercibido no corrupto Congreso brasileiro. Morte cando propuxo entrar cun “lanzachamas” nao ministerio de Educación para erradicar até o último vestixio das ensinanzas do gran educador Paulo Freire. Morte porque baixo a súa éxida haberá un considerábel reforzo do autoritarismo na escola e na sociedade, e librarase unha guerra sen cuartel contra o pensamento crítico en todas as súas variantes. Morte porque prometeu represión e cárcere para todos os que representan o pasado petista, aínda que non pertenzan a ese partido. Declarou en varias oportunidades que vai ilegalizar o marxismo e o “gramscismo” (aínda que non dixo como) e que recortará drasticamente o orzamento de facultades e institutos de investigación en ciencias sociais. Segundo este santo varón, o seu goberno investirá en ciencias “que produzan cousas” (lavadoras, pas, parafusos, etcétera) e non palabras ou ideoloxías.

 Este verdadeiro troglodita, ao que circunstancias fortuítas e un golpe da Deusa Fortuna convertérono no case seguro presidente de Brasil, foi favorecido con enormes sumas de diñeiro (por completo ilegais) unha vez que a clase dominante brasileira caeu na conta de que os protexidos por Fernando H. Cardoso como candidatos do PSDB e a elite tradicional de Brasil agrupada no PMDB eran repudiados ou ignorados polo electorado. Pragmática e falta de escrúpulos coma sempre a dereita chegou á conclusión que se non se podía derrotar o lulismo cos seus candidatos “democráticos” propios -tal como antes acontecera con José Serra (dúas veces) Geraldo Alckmin, e Aecio Neves- debía facelo con calquera que puidese, aínda cando fose un patético emisario rescatado dos sumidoiros da ditadura que asolou o país durante máis de vinte anos. Ratifícase por enésima vez que a dereita non ten a máis mínima lealdade cara á democracia, como demostra o seu apoio a Bolsonaro. Ademais este conta co respaldo de Donald Trump para reorganizar a dereita en todo o hemisferio e o asesoramento da equipa que dirixiu a campaña presidencial de Trump. Dise ademais que Steve Bannon en persoa está colaborando na estratexia propagandística do “candidato da orde”.

 Un dato moi significativo é que a campaña presidencial non se nota nas rúas de Río. Nin un cartaz, nin un reparto de panfletos, unha pintada nun muro… nada! É que nesta nova era da “antipolítica”, astutamente promovida pola dereita, a política foi convenientemente afastada da vía pública, e aínda que isto é unha tendencia xeral e crecente, no caso do Brasil esta despolitización da rúa foi potenciada polo máis fatídico erro da xestión do PT: confiar inxenuamente en que o exercicio do poder político por parte dun partido de esquerda, ou progresista, podería descansar na rodaxe das institucións supostamente democráticas (que non o son). A consecuencia foi a suicida desmobilización e desorganización das súas propias forzas políticas, comezando polo PT, seguindo coa CUT e ignorando os Sem Terra. O resultado: unha Dilma indefensa fronte aos lobos do mercado que se movían como querían nas estruturas institucionais do estado burgués, especialmente no Congreso e o Poder Xudicial.

 Por iso a política non está nas rúas, e os poucos que saen son maioritariamente partidarios de Bolsonaro. Todo circula pola Internet e, en menor medida, polos xornais, a televisión e a radio. Un distraído turista procedente do “cinto bíblico” de Estados Unidos, digamos Mississippi ou Alabama, endexamais se decatadría que en poucos días máis este país pon en xogo seu futuro, nunha opción dramática. Mais se o visitante fixese unha incursión na arañeira da web, aí decataríase do que está ocorrendo e observaría a loita política que se libdra sen cuartel, mais no ciberespazo. Isto suscita un enorme desafío para as forzas populares porque deberán aprender a moverse nun campo minado que os seus inimigos inventaron e coñecen á perfección. Porén, se movido pola súa fe o noso visitante asistise a algún dos miles de templos evanxélicos espallados por todo o Brasil tamén se daría conta de que hai unha elección presidencial moi próxima. Comprobaría, para a súa maiúscula sorpresa, que os pastores e os seus axudantes ao terminaren a cerimonia relixiosa van cara á saída e entregan a cada un dos parroquianos unha folla onde se di a quen se debe votar para presidente, gobernador, etcétera, porque son eses candidatos, e só eles, os que Deus dixo que hai que votar. Deplorábel trasmutación do modelo do partido bolxevique -coa súa ética militante, a súa organización, a súa conciencia revolucionaria- posto agora ao servizo da reacción e da contrarrevolución, nada menos que por unhas igrexas!

 As igrexas evanxélicas en Brasil constitúen un aparello político formidábel -presentes en graos diversos en varios países da nosa América, e de crecente gravitación en Arxentina- mais a súa eficacia non só repousa na militancia e o labor cotián dos seus pastores e axitadores no territorio senón tamén na persistencia dun núcleo duro conservador -moi arraigado nos sectores máis atrasados do campo popular- mais de inestábeis preferencias políticas. Segundo algúns analistas este sector representa un trinta por cento da poboación e se a comezos de século se inclinaron polo PT (e mantivéronse nese espazo político durante catorce anos, retidos polas políticas sociais do goberno) agora cortaron amarras e fano por Bolsonaro. Un factor decisivo desta ruptura foi a crenza, abertamente inculcada pola prensa canalla, de que o tsunami da corrupción en Brasil -simbolizado na operación Lava Jato- só pode ser atribuído á maldade do PT e os seus dirixentes. Ese vendaval de dirixentes políticos, empresarios e funcionarios desfilando polos estrados xudiciais e terminando no cárcere tivo un impacto tremendo sobre a conciencia popular e potenciou a insatisfacción ante a crise económica e o aumento da criminalidade, ou polo menos a percepción de tales cousas aguilloada impudicamente -como na Arxentina da época de Cristina Fernández- pola prensa hexemónica. É impresionante constatar como homes e mulleres do pobo repiten esa ladaíña -o PT roubou e foi corrupto- cada vez que se lles pregunta a razón do seu voto por Bolsonaro. Se algo demostra esta reiterada resposta é a escasa capacidade que tivo ese partido de explicar a moi longa historia da corrupción en Brasil, quen foron os seus principais axentes e beneficiarios, e os mecanismos legais e xudiciais que posibilitaron o seu funcionamento. Tarefa que, por certo, non foi intentada polos gobernos do PT. Mais está claro que para poder facelo había que ter medios de comunicación e unha política para os medios. E o PT non tivo nin o uno nin o outro.

 Cando remate o proceso electoral e se constitúa a Cámara de Deputados moi probabelmente Bolsonaro e os seus aliados cheguen a controlar os dous terzos dos votos. Con eles poderán introducir unha serie de reformas hiperretrógradas na Constitución de 1988. Unha delas, anticipada polo candidato presidencial, vai ser a criminalización do activismo social e das organizacións sociais cuxas accións constituirían un crime contra a seguridade do estado e a orde pública e os seus responsábeis deberían cumprir longas condenas no cárcere. Haberá que ver se isto finalmente logra ser aprobado no Congreso. O tema non é se o PSL, o partido de Bolsonaro terá os votos, senón a intensidade da reacción anti-PT que podería sedimentarse nun enorme bloque parlamentario con número suficiente para aprobar esas reformas. Se non o tivese, a tradicional corrupción da política brasileira permitiría mercar os votos necesarios para satisfacer as retrógradas aspiracións de Bolsonaro e a clase dominante de Brasil que, deste xeito, constitucionalizaría os decretos e as leis de Michel Temer. Dito todo isto, só un milagre podería reverter esta brutal deriva autoritaria da democracia brasileira. Mais os milagres non existen na vida política.

 

[Artigo tirado do web do autor, do 24 de outubro de 2018]

 

Volver