Breve historia da autodeterminación dos pobos

Santiago Mayor - 31 Out 2022

Lonxe de rexer algún tipo de consenso, as potencias aplican criterios arbitrarios e totalmente interesados segundo o conflito a abordar. É así que Occidente recoñeceu a independencia de Kosovo mais móstrase intransixente ante as demandas do País Vasco ou Cataluña. Defende a integridade territorial de Ucraína mentres avala a independencia de facto de Taiwán

 Durante os últimos días de setembro catro distritos que até o de agora eran formalmente parte de Ucraína fixeron referendos para votar a súa integración a Rusia. Por unha banda Donetsk e Lugansk, independentes de facto desde 2014 —cando se deu o golpe de estado do Euromaidán en Kiev—, e polo outro Jerson e Zaporozhie, ocupados durante a invasión rusa iniciada en febreiro deste ano.

 A esperábel vitoria do «Si» á anexión provocou igualmente esperábeis reaccións a nivel global. Moscova xa anunciou que acepta os resultados e cumprirá co desexo dos habitantes deses territorios baseado no principio de autodeterminación dos pobos, mentres que Estados Unidos e a Unión Europea descoñeceron a votación apelando ao dereito á integridade territorial de Ucraína.

 Ambos os argumentos son dúas caras dunha mesma moeda, pero cando prima un sobre outro?

Da soberanía popular á autonomía territorial

 O dereito á autodeterminación defínese como o que exerce un pobo organizado nun territorio estabelecido para determinar o seu destino colectivo de maneira libre. É dicir, sen coercións internas ou externas. Desde ese lugar podemos enxergar unha primeira etapa deste concepto nos comezos da Ilustración, onde era entendido como simple principio democrático-burgués. É dicir, o dereito dunha sociedade a elixir os seus gobernantes. Porén, entre a segunda metade do século XIX e até a fin da Primeira Guerra Mundial (1914-1918) comeza a aparecer en Europa a idea de autodeterminación dos pobos aplicado a nacións baixo o control de poderes estatais máis amplos.

 Así é que foi aplicado para disolver os imperios derrotados na Gran Guerra: otomán, alemán e austrohúngaro. No entanto, excluíu as colonias estadounidenses de Filipinas e Porto Rico e as que Europa posuía en Asia e África. Mesmo os vencedores repartiron algúns dominios alemáns e otománs como as actuais Tanzania, Namibia, Iraq, Siria e Papúa Nova Guinea, entre outros.

 Neste marco, e a pesar de ser presentado como un paladín da autodeterminación, o daquela presidente dos Estados Unidos, Woodrow Wilson, botou por terra os seus postulados universalistas cando en 1919 se opuxo á Cláusula de Igualdade Racial proposta por Xapón para a nacente Sociedade de Nacións (antecesora de Nacións Unidas).

O impulso da Unión Soviética

 A Revolución Rusa de 1917 deu novas bases políticas ao principio de autodeterminación cando Lenin decretou este dereito para todas as nacións que integraban o extinto Imperio Ruso. O seu baseamento consistía en que a Unión das repúblicas soviéticas tiña que ser potestade voluntaria e democrática dos pobos.

 No II Congreso da Internacional Comunista en 1920 abordouse o «problema» nacional e colonial ampliando a perspectiva a nivel mundial. Alí o líder soviético sostivo que «o trazo distintivo do imperialismo» consistía nunha división do mundo entre «un gran número de nacións oprimidas e un número insignificante de nacións opresoras, que dispoñen de riquezas colosais e de poderosa forza militar».

 O chamado ás e aos comunistas a liderar revolucións antiimperialistas tivo un enorme impacto na periferia capitalista. «A Revolución de Outubro brillou sobre o cinco continentes, espertando a millóns de persoas oprimidas e explotadas de todo o mundo», escribiu Ho Chi Minh, quen considerara como unha «guía milagrosa» para a súa loita en Indochina as teses da Internacional sobre o colonialismo. A influencia chegou a movementos non socialistas como o Primeiro de Marzo en Corea, que buscaba a independencia de Xapón, e a Revolución Exipcia de 1919, que anticipou a independencia do Reino Unido en 1922.

Descolonización e dereito internacional

 Recentemente tras a Segunda Guerra Mundial (1939-1945), e produto do novo mundo bipolar no que Europa pasou a ser un apéndice de Estados Unidos, estenderíase o principio de autodeterminación —impulsado desde antes pola URSS— que abranguía as colonias das distintas potencias. Pouco tempo antes da rendición de Alemaña, o xeneral francés Charles De Gaulle participara dunha conferencia en Brazzaville, actual capital da República do Congo, na que prometeu ás colonias africanas a súa autonomía. Porén, esta promesa sería demorada e parcial.

 A propia Francia rexeitou a independencia de Alxeria, que debeu facer unha guerra de oito anos até 1962; Portugal fixo o mesmo con Angola, Moçambique, Cabo Verde e Guiné-Bissau, que recentemente lograrían a súa autodeterminación a mediados da década de 1970; España co Sahara Occidental, que logo entregou a Marrocos, e aínda hoxe continúa a súa guerra de liberación. Tamén foi dispar a decisión respecto das excolonias e a súa integridade territorial. Por exemplo, mentres se mantiveron como lei inmutábel as fronteiras coloniais para os nacentes países africanos, aceptouse a partición da India e Paquistán, deseñada de maneira arbitraria pola exmetrópole.

 En paralelo foron xurdindo distintos consensos —polo menos no papel— respecto dos criterios que a nacente «comunidade internacional» ía aplicar. A Carta de Nacións Unidas asinada o 26 de xuño de 1945 estipula nos artigos 73 e 74 o dereito dun pobo organizado nun Estado de escoller libremente o seu sistema político e económico. A Resolución 1514 de 1960 aprobada pola Asemblea Xeral estabeleceu que «a suxeición de pobos a unha subxugación, dominación e explotación estranxeiras constitúe unha denegación dos dereitos humanos fundamentais». E deixou claro que «a falta de preparación na orde política, económica, social ou educativa non deberá servir nunca de pretexto para atrasar a independencia».

 Anos máis tarde, a Resolución sobre Relacións Amigábeis 2625 de 1970 daría conta da complexidade do tema. Por unha banda, afirmando a necesidade de «poñer fin rapidamente ao colonialismo, tendo debidamente en conta a vontade libremente expresada dos pobos de que se trate». Pero aclarando que non «autoriza ou fomenta calquera acción encamiñada a quebrantar ou menoscabar, total ou parcialmente, a integridade territorial de Estados soberanos e independentes».

 Nese marco algúns casos resultaron máis sinxelos de abordar. Un territorio non autónomo era doado de identificar se estaba xeograficamente separado e era distinto étnica e culturalmente do país que o administraba; ou se se atopaba en situación de subordinación política respecto da metrópole. Mais eses dereitos de autodeterminación non incluíron as minorías étnicas ou nacionais dentro dun Estado ou futuro Estado. Así, por exemplo, fixéronse plebiscitos previos á independencia no Camerún británico para saber se desexaban integrarse en Nixeria ou Camerún. Tamén se rexeitaron e fracasaron intentos de secesión como o de Biafra en Nixeria, os támiles en Sri Lanka, Katanga en Zaire, ou os somalís do Ogaden en Etiopía. Alí primou o dereito á integridade territorial.

Uso da forza e inxerencia en asuntos internos

 Mais a discusión non se esgota entre que pobo ten dereito a autodeterminarse e cal se debe manter baixo o control dun Estado en nome da integridade territorial. Un punto moi polémico e contraditorio está ligado ao uso da forza.

 Tras a Segunda Guerra Mundial impúxose como principio a exclusión da violencia nas relacións internacionais e así o consagra o artigo 2° da Carta da ONU. A pesar disto, en 1965 a propia organización internacional aceptouna para quen está «baixo ocupación colonial». E en 1970 coa mencionada Resolución 2625 recoñece que «nos actos que realicen e na resistencia que opoñan contra esas medidas de forza [da potencia colonial] co fin de exercer o seu dereito á libre determinación, tales pobos poderán pedir e recibir apoio».

 Isto implica dous problemas: por unha banda, ao posibilitar o apoio externo viola o principio de non inxerencia en asuntos doutros Estados. Pero ademais, ao tratarse de conflitos «internos» entre unha metrópole e a súa colonia ou un goberno central e unha rexión, queda á marxe do artigo 2°. Esta ambigüidade posibilitou as intervencións en nome da «democracia» e os «dereitos humanos» baixo o argumento de garantir a autodeterminación. O paladín destas invasións «humanitarias» foi e segue a ser Estados Unidos: desde Vietnam, pasando por Granada e Panamá, até Iraq, Afganistán e Libia, entre outros.

 Pero máis aló da arbitrariedade dalgunhas potencias, este equilibrio formal que nunca se chegou a aplicar do todo, terminaría de estalar en mil anacos cun caso paradigmático que se converteu nun concepto en si mesmo: a balcanización.

A destrución de Iugoslavia

 O que en 1989 era un Estado federado de seis repúblicas terminou por se converter en 2008 (coa independencia de facto de Kosovo) nun arquipélago de sete países, algúns incapaces de garantir funcións soberanas elementais. Máis aló dos conflitos étnicos e nacionais latentes que resultaron en masacres e delitos de xenocidio, foi a arbitrariedade occidental no marco da fin da Guerra Fría a responsábel última dun conflito fratricida.

 Tras a caída do Muro de Berlín e a disolución da Unión Soviética, Washington cesou a súa axuda económica a Iugoslavia —até daquela vista como un freo á influencia de Moscova— e prohibíuselle o seu ingreso ao Consello de Europa. A agudización dos problemas económicos alentou as repúblicas economicamente máis desenvolvidas como Croacia e Eslovenia a buscaren a súa independencia, finalmente proclamada en 1991.

 A Comunidade Económica Europea —predecesora da Unión Europea— creou entón a Comisión Badinter, integrada por xuristas que apoiaron o dereito de secesión baseados na autodeterminación. Esta afirmou ademais que as fronteiras das repúblicas que integraban Iugoslavia eran «inviolábeis», un desatino xa que se trataba de divisións administrativas feitas precisamente para evitar esas secesións étnicas. Un 30% dos serbios e un 20% dos croatas vivían dentro de Iugoslavia pero fóra das «súas Repúblicas».

 Ignorando estas realidades, unha Alemaña recentemente reunificada e con intencións de recuperar o liderado europeo recoñeceu preventivamente as independencias croata e eslovena. Dun día para o outro o goberno federal, asentado en Belgrado, foi cualificado como agresor e non como titular de dereito a defender a súa integridade territorial.

 «A Comunidade Europea pasou por riba das autoridades representativas de Iugoslavia e estabeleceu un marco xurídico para a súa desintegración recoñecendo a existencia de Estados con fronteiras artificiais, restando toda forma de apoio ao Goberno Federal, impulsando un proceso de mediación que lexitimaba os separatistas e debilitaba o Estado en crise, animado os que buscaban a fragmentación», sintetizou Hernando Cañardo, profesor Titular de Dereito Internacional Público da Universidade Católica Arxentina.

 Así se abriu o camiño á separación de Bosnia apenas un ano máis tarde. O Goberno rexional, dirixido pola maioría musulmá e con apoio de Estados Unidos, declarou a independencia en 1992 a pesar de que no país vivían un 31% de serbios e 17% de croatas. Segundo Cañardo, «enquisas realizadas en 1990 e 1991 demostraban que un 70% da poboación era contrario á secesión, pero, consumadas as de Croacia e Eslovenia, rexurdiron as diferenzas étnicas e nacionalistas».

 O goberno bosníaco, coa súa nova lexitimidade internacional, cualificou os grupos serbios e croatas como belixerantes. Washington brindou o seu apoio legal e militar a esta manobra coa creación dun Tribunal Criminal para os serbios, e intervindo a través da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN). O conflito finalizou en 1995 cos acordos de Dayton, que marcaron un novo nivel da intervención occidental con mandatos para a OTAN, a ONU e a Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa (OSCE). Converteron o novo país practicamente nun protectorado con liñas étnicas moi marcadas, xenocidios mediante, e un goberno permanentemente inestábel.

 Lonxe de garantir unha maior estabilidade e reducir danos, a intervención estranxeira no conflito iugoslavo —orientada por intereses xeopolíticos— agudizou a crise, provocou conflitos novos e incrementou o número de vítimas.

 Co colapso definitivo dos acordos de posguerra, o final da Guerra Fría e a transición hexemónica que enfronta a Estados Unidos e China, o século XXI deu por terra con todo principio e acordo previo. A ONU deu en se converter nunha caricatura sen ningún tipo de influencia e o Consello de Seguridade un organismo obsoleto.

 Lonxe de rexer algún tipo de consenso, as potencias aplican criterios arbitrarios e totalmente interesados segundo o conflito a abordar. É así que Occidente recoñeceu a independencia de Kosovo mais móstrase intransixente ante as demandas do País Vasco ou Cataluña. Defende a integridade territorial de Ucraína mentres avala a independencia de facto de Taiwán. Apoia o secesionismo dos uigures en China mentres apoia a ocupación colonial de Israel en Palestina e Marrocos no Sahara Occidental.

 Nese contexto, as consideracións sobre a anexión de novos territorios por parte de Rusia dificilmente se poidan argumentar desde o dereito internacional. En todo caso, a defensa ou a condena dependerá da localización política de quen enuncia. A diferenza do que sucedía a mediados do século XX, a autodeterminación dos pobos deixou de ser un principio eminentemente anticolonial e progresivo para ser moitas veces instrumentalizado en función de obxectivos —paradoxalmente— imperialistas.

 

[Artigo tirado da edición latina de Jacobin, do 6 de outubro de 2022]