Brexit: unha análise de clase

Miren Etxezarreta - 13 Dec 2019

Votaron a prol do Brexit aqueles que foron deixados á marxe, os traballadores das antigas zonas industriais que non teñen traballo, os anciáns coas pensións amplamente recortadas, os que viven nas zonas rurais case abandonadas, os que sofren a competencia dos inmigrantes en canto a traballo, vivenda, recursos sociais. É dicir, os pobres. Esta votación mostrou claramente a quen fai mal Europa

Os británicos decidiron deixar a UE. E veu o escándalo. Agora parece que o feito de que gañen os partidarios de abandonala sexa unha desgraza terríbel, para os británicos, para Europa e para o mundo enteiro. E multiplícanse os cualificativos contra quen votou a prol do Brexit cun desprezo terríbel: irracionais, irresponsábeis, parvos... (Carlin, xornalista inglés que traballa para El País). É esta a súa visión da democracia? Se este resultado é tan terríbel, por que se permitiu o referendo? Teño toda a impresión de que o consentiron porque en ningún momento pensaron que os partidarios de saír gañarían. Cantas trampas, nesta consulta!

 O resultado lévame a facer unha interpretación en chave de clase. Votaron para quedar as elites, os negocios, os yuppies da City, a xente que ten traballo, aquela a quen lle vai ben e a xente nova que “ilusa” pensan -como xente nova que é- que a eles tamén lles irá ben. Non é casualidade que sexa a bolsa e a moeda as que mostran máis desacougo ante a saída, unha evidencia de que os capitais son os que están máis preocupados ante a mínima posibilidade de non poder continuar facendo negocios magníficos. E votaron para saír aqueles que foron deixados á marxe, os traballadores das antigas zonas industriais que non teñen traballo, os anciáns coas pensións amplamente recortadas, os que viven nas zonas rurais case abandonadas, os que sofren a competencia dos inmigrantes en canto a traballo, vivenda, recursos sociais. É dicir, os pobres. Esta votación mostrou claramente a quen fai mal Europa. O referendo supuxo unha oportunidade para facer sentir a súa voz e están dicindo que as súas vidas se están a deteriorando.

 Unha oportunidade que os xenófobos que sempre existiron no país -moi activos- souberon aproveitar. Hai que dicir que o reforzo ao rexeitamento do inmigrantes que supuxo este voto de saída é terríbel, que algunhas das razóns deste voto de saída mostran a deshumanización de millóns de habitantes do Reino Unido e a súa miseria ideolóxica. Son razóns tremendamente erradas -por suposto- e, polo tanto, téñense que rexeitar. Pero, son mellores as que rexen o voto dos que só pensan que así eles terán mellores condicións laborais e de vida, sen pensar nos millóns de persoas que esta Europa está deixando de lado? Máis da metade do Reino Unido se sente moi mal dentro desta comunidade. Lisa McKencie, socióloga inglesa especialista en relacións laborais, di: “Xulgando a partir das miñas investigacións, eu sostería que o debate do referendo no seo das comunidades de clase traballadora non ten nada que ver coa inmigración, malia a retórica. Ten relación coa precariedade e o medo. Tal como medio un grupo de mulleres do leste de Londres: ‘Estou farta de que me chamen racista porque me preocupo da miña nai e do meu fillo’ ou ‘Non envexo a ninguén que necesite un teito e non pode acceder a el tampouco’” (SP, xuño 2016).

 Se se pensa cun pouco de vagar, pódese observar que pasa o mesmo noutros moitos países da Unión, entre eles, o noso. Por que non teñen que ter dereito a mostrar o seu malestar? Por que os dirixentes económicos e políticos, aqueles a quen lle vai ben, non se queren decatar?

 A UE ten que cambiar se quere que as cidadanías a aprecien. E estano dicindo todos os dirixentes. O problema é que non se sabe cara a onde cambiará, porque o señor Hollande, por exemplo, di: “Tense que reforzar a UE en defensa, seguridade, control de fronteiras, ocupación...” e os outros dirixentes piden calma e tranquilidade. É este o cambio que impulsarán? Non se queren decatar de que o que fai que non se valore a UE son as durísimas consecuencias negativas que implica para a vida da xente da rúa. Non sentimos dicir que se teñen que eliminar os plans de axuste e cambialos por apoios potentes ás actividades sustentábeis que xeran traballo, aumentar o orzamento para mellorar as axudas sociais, organizar a inmigración de forma que non cause problemas aos máis desfavorecidos. Ou, simplemente, explicar con clareza que non son os inmigrantes os que causan os problemas, senón un capitalismo senil incapaz de fornecer máis da metade da poboación dun dos países máis ricos do mundo de mediados de vida decentes.

 Tamén hai que salientar a esaxeración dos medios de comunicación. Parece que a economía europea se vai afundire; mesmo se fala con alarma das consecuencias que terá para o Estado español. Non é tan grave. Quizais as empresas do Reino Unido, a City, o emporio do capital e a especulación financeira, perdan un pouco de vantaxe comparativa, pero vivimos nunha economía globalizada e os capitais, o comercio e a tecnoloxía xa operan en todo o mundo coa cuberta da UE ou sen. Ou logo a UE non é inzada de capitais e empresas de todos os países do mundo? Ou non teñen presenza as empresas europeas en todos os países de fóra da UE? Non explican demasiado que quizais algunhas empresas e capitais financeiros que se queiran deslocalizar agora pasarán ao continente europeo, feito que favorecerá os países que as reciban. Os medios non teñen escrúpulos á hora de facer ver que uns movementos da bolsa e a moeda que probabelmente durarán só uns días -é ben sabido que o diñeiro é moi medorento e que a súa primeira reacción sempre é intensa- afectarán de xeito duradeiro, por exemplo, a ocupación no Reino Unido, todos os traballadores españois de Xibraltar, os anciáns británicos que cobran pensións e viven no Estado español, as exportacións españolas... e esquecen que o Reino Unido non forma parte do tratado de Schengen, que permite a libre mobilidade das persoas -motivo polo cal a inmigración que experimentan non ten demasiada relación coa UE-, e que, pola contra, é integrante da Organización Mundial do Comercio, que impide que os aranceis que poden dificultar as importacións británicas sexan altos, etc., etc., etc. É unha formulación chea de mentiras e afirmacións falsas. Polas dúas bandas. Pero, unha vez gañado o referendo, a alarma desatada no lado perdedor é incríbel e intolerábel. Mesmo din que queren volver facer votación! Ou sexa, ou gañamos ou continuamos preguntando até que se conteste o que queiramos. Xa o fixeron co referendo irlandés e conseguiron o que querían. Que quedará da idea de democracia se o repiten?

 Tamén avergoña a superficialidade das análises dos profesionais -economistas, sociólogos, politólogos e xornalistas-, que non deixan de repetir os lugares comúns e insistir na terríbel problemática que causará a saída, sen intentar explicar o que probabelmente vai acontecer. E é máis grave porque eles terían que saber que a dinámica non se asemella demasiado á que eles aceptan mostrar.

 Poderiamos continuar moito máis, pero non temos espazo. En resumo: o Brexit mostrou a nidia división do Reino Unido en clases sociais e que os británicos pobres (estimulados pola xenófoba extrema dereita) mostraron o seu malestar cando tiveron unha oportunidade para o manifestar, cousa que teñen todo o dereito de facer (aínda que algunhas das súas razóns sexan erradas). Que quizais prexudican -non demasiado- a outras clases sociais e algo máis aos capitais que operan na City? Pero é que os pobres son os prexudicados desde hai moitos anos e agora desexan un cambio. E este sentimento está amplamente difundido en moitos países da UE. Fai falta que os dirixentes da UE entendan correctamente a mensaxe e, se queren que a Unión sobreviva, cambien radicalmente a súa política económica. E que non acusen os máis pobres e marxinados do país dos problemas que poidan xurdir do abandono do Reino Unido, senón a dinámica da política económica da UE e dos gobernos dos países que a conforman. Unhas políticas que fixeron que as clases máis modestas estean sufrindo moito e poidan ser tomadas dos xenófobos, en lugar de facer que a poboación británica poida vivir con dignidade nunha das zonas máis ricas do mundo.

 

[Artigo tirado do sitio web do Seminari Taifa, do 6 de xullo de 2016]