Burger King Lugo volve restrinxirlle a auga ao persoal e modifica as quendas de xeito ilegal

A CIG-Servizos xa denunciara estas prácticas na Inspección de Traballo
Lugo - 28 Ago 2026

A CIG Servizos denuncia a gravísima situación que volve a producirse nos establecementos de Burger King en Lugo e que supón un atentado directo contra a saúde e os dereitos laborais do persoal, como son a prohibición de beber auga durante a xornada e a modificación dos cuadrantes de quendas de xeito ilegal.

Dende a central sindical lembran que xa puxeron estes feitos en coñecemento da Inspección de Traballo con anterioridade, “o que demostra que a empresa actúa con total impunidade e reincidencia”, tal e como censura Xosé Paz, da CIG-Servizos de Lugo. O responsábel sindical considera especialmente grave que a dirección restrinxa o consumo de auga a todo o persoal durante a quenda de traballo, incluso ao persoal asignado á cociña, que ten que soportar temperaturas que roldan os 30 graos de forma continuada. Unha práctica que supón un risco grave de golpe de calor e deshidratación e vulnera a Lei 31/1995 de Prevención de Riscos Laborais, que obriga a garantir auga potable e condicións seguras. 

A empresa actúa con total impunidade e reincidencia

Outra das cuestións denunciadas diante da autoridade laboral ten que ver cos cuadrantes “ilegais” e coas modificacións “unilaterais” constantes. “Os cadros de quendas de traballo entréganse de forma habitual con dous ou tres días de antelación, incumprindo os prazos mínimos que marca o Convenio de Marcas de Restauración Moderna no seu artigo 12: <<A planificación da xornada realizarase individualmente cada catro semanas, especificando as distintas quendas e horas de entrada e saída para todas as persoas traballadoras de modo que a planificación da xornada se coñeza con catro semanas de antelación á súa execución>>. Este xeito de proceder por parte de Burger King vulnera tamén os mínimos establecidos polo Estatuto dos Traballadores/as.

Actuación "contundente" da Inspección de Traballo

Ademais, unha vez entregados os cuadrantes, a empresa modifícaos ao seu “libre albedrío” varias veces ao longo do mes, sen aviso nin xustificación, “impedindo calquera posibilidade de conciliación e sometendo ao persoal a unha precariedade absoluta”. Neste senso, dende a central sindical sinalan que nesta empresa só conta con xornada completa a xefatura, mentres que do resto do persoal poucas persoas pasan de media xornada. “A maiores, a compañía pretende que o persoal estea dispoñible para cando lle faga falta, aumentando e reducindo as horas complementarias ao seu antollo”.

Diante disto, a CIG-Servizos de Lugo esixe o cesamento inmediato da restrición de beber auga e a garantía de acceso libre e permanente a auga potable; o cumprimento estrito da normativa sobre preaviso e organización dos cadros de traballo; e unha actuación “contundente e sancionadora” por parte da Inspección de Traballo ante a reincidencia da empresa. “Burger King non pode converter a explotación en modelo de negocio en Lugo”, rematan.