Camareiras de pisos mobilízanse en Compostela contra a explotación laboral que sofre este colectivo
Traballadoras do servizo de limpeza dos hoteis de Compostela concentráronse este mércores diante do Gran Hotel de Vidán, convocadas pola CIG-Servizos, para denunciar a situación de explotación que padecen. A elas sumouse o colectivo “Kellys Unión Galicia”.
Esta concentración insírese na campaña iniciada pola federación da CIG o pasado mes de setembro a raíz do despedimento dunha traballadora que prestaba os seus servizos como camareira de piso no Hotel Exe Área Central a través da subcontrata GRUPO CONSTANT.
A CIG-Servizos exixe a readmisión desta traballadora, que foi despedida como represalia por ter participado en mobilizacións pola defensa dos seus dereitos e por ter estado de baixa uns días antes de que se lle comunicara esa decisión.
Convenio provincial de hostalería
A federación exixe ás cadeas, hoteis e empresas de alugueiro de pisos turísticos que están a traballar con empresas subcontratadas para prestar o servizo de limpeza nos seus establecementos, que asuman a este persoal nos seus cadros de persoal con aplicación do convenio provincial de hostalería como corresponde, xa que esas empresas veñen aplicando condicións salariais, laborais e sociais moi inferiores ó establecido nese convenio, traballando en ocasións a "destajo" e cobrando unha cantidade por habitación que limpan. Unha práctica que consideran propia do século XIX.
A CIG-Servizos exixe tamén que os salarios e condicións laborais sexan, en todo caso, as do convenio. Nese sentido subliñan que “non podemos escoitar máis que este colectivo necesita que se regule a súa situación, porque xa está regulada no convenio provincial. Son as empresas hoteleiras as responsables de que ese se aplique, e se non o fan, son culpables”.
Denuncian ademais que as administracións públicas con competencias en materia de turismo venden continuamente o medre dos resultados desa actividade (máis turistas, máis gasto...), mentres “miran para outro lado ante unha explotación tan evidente”.