Camiño da folga xeral: seguen sobrando razóns

Nacional -

O saqueo á clase traballadora e ás clases populares galegas facilitado polas sucesivas reformas impostas polos gobernos do PSOE e do PP; os recortes de dereitos laborais e sociais; o desmantelamento e privatización dos servizos sociais públicos; da sanidade e do ensino; o empobrecemento xeneralizado; o recorte de liberdades e a brutal represión son xa tan evidentes como insoportábeis.

Para a CIG é inadmisíbel que teñamos que vivir “con gobernantes e clases dirixentes, económicas e políticas, que se enriquecen a custa da corrupción, do saqueo da clase traballadora, do espolio de nacións sen estado no Estado español, mentres se reprime a traballadores e traballadoras por defender os seus dereitos”.

Por iso miles de mulleres traballadoras da sanidade, do ensino, do comercio, da industria, dos centros de chamadas, da Administración, do téxtil, do mar ou das conserveiras, mais tamén coidadoras remuneradas e non remuneradas, xubiladas, estudantes ou desempregadas sumáronse as mobilizacións convocadas pola CIG e polo movemento feminista galego na histórica xornada do 8 de Marzo: para denunciar a explotación laboral, as discriminacións, as desigualdades, os acosos e agresións que sofren polo simple feito de ser mulleres.

Miles de xubilados/as e pensionistas saíron tamén as rúas galegas nas múltiples mobilizacións -que este colectivo da CIG vén convocando desde hai tempo xa- para reclamar o seu dereito a vivir dignamente mais tamén garantir que ese dereito de manteña para as xeracións futuras.

Outras miles de persoas tomaron prazas, accesos a centros sanitarios e entradas de edificios da Xunta de Galiza para denunciar o desmantelamento das áreas sanitarias e o avance da privatización da sanidade pública coa reforma da Lei de Saúde, nas múltiples protestas convocadas por SOS Sanidade Pública.

Acumular forzas

Desde hai dous meses as traballadoras e traballadores da Xustiza manteñen un pulso coa Xunta de Galiza cunha folga indefinida en demanda da recuperación dos dereitos que lles foron arrebatados so pretexto da crise económica, fartas/os de recortes sociais, laborais e salariais.

Malia isto, os Gobernos do PP en Galiza e no Estado, que non se cansan de falar de recuperación económica, miran para outro lado facilitando que siga enriquecéndose a patronal e a banca mentres se aboca á clase traballadora galega cara a unha situación sen saída, con cada vez máis precariedade e pobreza.

É, por iso, o momento de acumular forzas, de mobilizarnos e camiñar cara a convocatoria dunha folga xeral que obrigue o PP a retroceder nas súas posicións antisociais e antiobreiras. O empobrecemento e deterioración dos salarios, a precarización constante e imparábel esixen que demostremos o vindeiro 15 de abril e no Primeiro de Maio a nosa disposición a resistir, a loitar pola recuperación dos nosos dereitos, como a mellor defensa ante a deterioración das pensións e ante a próxima reforma que están a preparar no chamado Pacto de Toledo.

Volver