Campaña da CIG-Ensino para que a documentación do recoñecemento médico docente sexa en galego

A consellaría adxudicou o recoñecemento médico a CUALTIS, que emprega só o castelán
Nacional - 23 Set 2021

CUALTIS, empresa adxudicataria, emprega só o castelán, vulnerando a lexislación vixente

A CIG-Ensino vén de lanzar unha campaña para lograr que nas revisións médicas do curso 2021/2022 se respecten os dereitos lingüísticos do galego. Anima, para iso, a cumprimentar e enviar cartas dirixidas ao conselleiro de Educación e á empresa CUALTIS, esixindo o respecto polos nosos dereitos lingüísticos, e a participar e colaborar na defensa do noso idioma difundindo esta campaña entre as compañeiras e compañeiros do seu centro.

A Consellaría de Educación vén de abrir o prazo para que as súas traballadoras e traballadores soliciten o recoñecemento médico anual ao que ten dereito. Este recoñecemento, de obrigada oferta para todas as empresas e de carácter voluntario para o seu persoal, viña sendo negado reiteradamente pola Consellaría ao persoal docente.

Hoxe máis de 30.000 docentes contan con ela despois de anos de loita sindical e xudicial da CIG-Ensino, con campañas de acción sindical primeiro, e con sentenzas favorábeis do TSXG e do Tribunal Supremo despois.

A Consellaría, como noutros casos, privatizou a prestación adxudicando o recoñecemento médico a CUALTIS. Unha empresa que emprega unicamente na súa documentación escrita o castelán, vulnerando a lexislación vixente e negándose mesmo a remitila en galego a quen llo solicita de forma expresa. A CIG-Ensino xa ten denunciado en diversas ocasións este feito, sen que CUALTIS como prestataria, nin a Consellaría, como competente do servizo, mudasen a actitude.